A CIG-Ensino denuncia a pretensión da Xunta de acabar coa CiUG
A Consellaría de Educación pretende controlar este órgano nomeando unha comisión composta basicamente por cargos políticos, entre eles o polémico subdirector xeral de Inspección educativa
A Xunta anunciou a actualización da normativa que regula a organización da PAU (Proba de Acceso á Universidade) en Galiza a través dunha nova Orde coa que, baixo o pretexto de adaptar a normativa galega ao novo marco estatal, creará dúas comisións (de organización e de coordinación) que no fondo suporán acabar coa CiUG (Comisión interUniversitaria de Galiza).
A CiUG é unha estrutura administrativa que foi creada en 1993, tras a fundación das Universidades de Vigo e da Coruña, para coordinar e xestionar os procedementos de acceso á universidade e de admisión no Sistema Universitario de Galiza (SUG). Está formada por persoas delegadas do reitorado das tres universidades galegas (USC, UVigo e UDC) e tres representantes da Consellaría de Educación.
Desde os anos 90, a través desa coordinación, Galiza foi quen de construír un modelo propio de acceso á universidade que hoxe é referente para o conxunto do Estado, por exemplo con medidas pioneiras como os sistemas de detección de radiofrecuencias implantados xa en 2019; ou os modelos de probas deseñados en aplicación do Real Decreto 534/2024 que implantaba un modelo competencial; ou, máis recentemente, a proposta de uso de percentís para a admisión do alumnado, que anticipa debates a nivel estatal coa fin de garantir a igualdade de oportunidades dentro do propio distrito.
O Real Decreto 534/2024 estabeleceu un novo marco estatal para a proba de acceso á universidade. Mais, desde o ano 2024 a Xunta non actualizou nin adaptou a Orde de 2011 que regula o funcionamento da CiUG ao novo marco estatal, algo difícil de entender tendo en conta a relevancia desta normativa para miles de estudantes cada ano, así como o papel protagonista da CiUG nas probas de acceso.
Desde a CIG consideramos que non é Galiza quen debe diluír o seu modelo para adaptarse a esquemas alleos, senón que a actualización da norma debería servir para preservar e perfeccionar o sistema galego e denunciamos a parálise política da Consellaría neste sentido.
A Consellaría anunciou que, nesa futura orde, os órganos de coordinación e de organización da PAU serán a Comisión Coordinadora e a Comisión Organizadora, onde estarán representadas a Xunta e as Universidades. Isto introduce unha fragmentación da estrutura administrativa que acabaría coa coordinación e a integración actual e que é contraria ao propio Real Decreto 534/2024 ao que se pretende adaptar, posto que nel se sinala a existencia dunha única comisión organizadora.
Desde a CIG-Ensino denunciamos que se pretenda acabar cun modelo que a propia Consellaría considera de liderado no Estado, cuxa fragmentación só obedece a un interese por controlar politicamente este órgano, a teor da configuración que anuncian para a Comisión Coordinadora: “Estará integrada polas persoas titulares da Dirección Xeral competente en materia de ordenación da etapa de Bacharelato, da Secretaría Xeral de Universidades, da Subdirección Xeral da Inspección Educativa e dos servizos de Avaliación, Ordenación e Orientación, así como os e as delegadas das tres universidades públicas galegas”.

