
A CIG-Ensino denuncia a pretensión da Consellería de suprimir ou de reconverter centros educativos de ensino secundario nas vilas e cidades
A Consellaría de Educación di que a planificación e ordenación educativa é a súa competencia
Trátase dunha reconversión que pretende concentrar as ensinanzas de F.P. en centros específicos de F.P. ou centros integrados e o Bacharelato e a E.S.O. noutros. O que suporá a supresión de ensinanzas e centos de profesores e profesoras verán suprimido o seu posto de traballo, continuando así coa destrución de emprego, empeorando a calidade do ensino e diminuíndo a oferta pública educativa.
Esta pretensión tórnase aínda máis grave se temos en conta que xa se publicou a resolución provisional do Concurso de Traslados e que, de levarse a cabo esta reconversión, nas localidades afectadas desaparecerán as vacantes actuais, o que significa unha desconsideración máis ao profesorado.
Ao día de hoxe, sabemos que nas localidades de Chantada, Monforte, Sarria e Vilalba a Consellería pretende concentrar as ensinanzas e xa anunciou a desaparezan as ensinanzas de ESO e Bacharelato do IES A Carballeira de Ourense e do IES As Mercedes de Lugo. Todo indica que a Consellería pretende continuar con este desmantelamento nas outras provincias e estendelo aos Centros Públicos Integrados.
A CIG-ENSINO non vai permitir que se inicie esta reconversión nin a desaparición de ensinanzas nos cetros públicos. Por iso esiximos na mesa sectorial de hoxe xoves 21 de marzo a paralización de calquera destas medidas para manter a actual oferta de ensinanzas no ensino público, ao que a administración contestou dicindo que a planificación e ordenación educativa son competencias da Consellaría, obviando que as consecuencias desta ordenación si deben pasar pola mesa sectorial.