A CIG-Ensino denuncia a prepotencia da Consellaría de Educación, agora coas Escolas Oficiais de Idiomas e cos Conservatorios

Modificación das condicións de traballo do profesorado

Despois de meses de estar tratado na Mesa Sectorial o Decreto que regula o funcionamento das Escolas Oficiais de Idioma e dos Conservatorios de Música, a Consellaría de Educación agarda ao momento en que remata o curso escolar para traer á Mesa Sectorial as Ordes que o desenvolven. Unha vez máis a Consellaría pretende tratar temas que afectan ás condicións de traballo do profesorado de xeito que o profesorado afectado non poida participar e para impedir calquera tipo de resposta antes as restricións que se propoñen.

As ordes presentadas pretenden trasladar ás EEOOII, o recorte que no seu día pretenderon impor a golpe de circular , uns recortes que foron denunciados e contestados con tres meses de mobilizacións e que se traduciron na perda de varios postos de traballo e na burocratización das Escolas.

No seu día a Consellaría de Educación aplicou unilateralmente nas EEOOII unha circular que non fora negociada tal e como era preceptivo. A CIG-Ensino presentou e gañou, xa no mes de novembro de 2010, un recurso que obrigaba á Consellaría a retirar a devandita circular. Mais a súa resposta foi presentar un contrarrecurso para non aplicar a sentenza. Agora pretende darlle carta de legalidade ás súas propostas e presenta unha proposta de Orde para o desenvolvemento dos ROCs que copia a circular anulada polos tribunais por non ter sido negociada.

Neste momento, todas as organizacións sindicais decidimos negarnos a tratar ningún outro punto na Mesa Sectorial, debido á situación xerada pola Consellaría neste final de curso coa imposición do incremento do horario lectivo do conxunto do profesorado. Por outro lado desde a CIG-Ensino consideramos que non é o momento de levar á Mesa un tema de tal importancia, cando remata o curso e o profesorado non ten a mesma posibilidade de responder ás agresións da Administración. Se a Consellaría tivese vontade de negociación, tería traído esta orde meses atrás, cuestión que non fixo intencionadamente. Por todos estes motivos xa lle trasladamos por escrito á Consellaría que non imos sentarnos a negociar este tema neste momento e que o que procede en primeiro lugar é que retire a proposta de modificación de horario do profesorado e que traslade ao vindeiro curso o resto dos temas a negociar.

Volver