A CIG-ENSINO denuncia a irresponsabilidade da Xunta na xestión dos comedores escolares

Reclama un sistema de xestión directa por parte da Administración dos servizos de comedor escolar á vista dos problemas ocasionados polo sistema privado de concesión

A CIG-Ensino reclama que se rescinda o contrato das empresas concesionarias dos caterings dos comedores e que a Administración pase a ocuparse directamente de proporcionar este servizo xa que consideramos que nesta cuestión o criterio a ter en conta debe ser a calidade da comida nos centros de ensino e non o do beneficio para as empresas privadas.

A empresa malagueña Col-Servicol é a concesionaria do servizo de comedor escolar no curso 2015-2016 en varios centros da comarca coruñesa: CEIP Sofía Casanova e CEIP Ría do Burgo (ambos de Culleredo), CEIP Torrente Ballester, CEIP Portofaro e CEIP Graxal (os tres de Cambre). Desde setembro hai moitos problemas co servizo que oferecen xa que en moitas ocasións a comida chegou en mal estado, obrigando a recurrir a pedidos de comida a domicilio (bocadillos, pizzas…) para non deixar os nenos sen comer. Outras veces incluso só puideron dispoñer do primeiro prato e é moi frecuente que a cantidade das racións sexa moi escasa. 

Esta situación foi denunciada polas ANPAS dos centros e motivou unha reunión das mesmas coa empresa Col-Servicol que se comprometeu a buscar solución aos problemas detectados. Isto está lonxe de ser así xa que esta mesma semana en varios centros o primeiro prato (puré) estaba incomíbel e as barquetas nas que se presenta a comida derretíanse ao metelas no forno para quentar o contido.

Desde a CIG-Ensino denunciamos a inacción da Consellaría de Educación, responsábel do sistema de concesión privada do servizo de comedores escolares, que só se limitou a abrir un expediente á empresa: contratar outro cátering non é a solución, xa que é fácil constatar que hai outros centros servidos por outras empresas (CEIP Milladoiro, CEIP Celso Emilio Ferreiro, CEIP Eugenio López e outros da zona de Pontevedra) que teñen ou tiveron os mesmos problemas.

Volver