A CIG-Ensino denuncia a ineficacia da consellaría para dar resposta á situación creada por mor da meteoroloxía adversa
Xestión caótica da situación no ensino
A CIG-Ensino puxérase en contacto coa Consellaría con antelación suficiente para urxirlle unha resposta en consecuencia coa previsión adversa que se estaba a anunciar para este final de semana. A importancia da decisión que debía tomar non só radicaba na salvagarda da seguridade do alumnado dos centros, senón tamén na protección do dereito do profesorado a participar no proceso de elección dos seus representantes sindicais, pois poderíase dar a circunstancia de que, ao non poder desprazarse por mor do estado das estradas, o profesorado non puidese acceder ao centro para exercer o seu dereito ao voto.
Porén, a Consellaría, unha vez máis, non asumiu a súa responsabilidade e onte enviaba un comunicado aos centros trasladando a responsabilidade da decisión de abrir ou non ás direccións. Desde a CIG-Ensino, criticamos esta irresponsabilidade, pois as direccións dos centros non teñen medios para coñecer as previsións meteorolóxicas, nin é a súa responsabilidade, correspóndelle á Consellaría determinar baixo que circunstancias se deben pechar os centros.
Aprazadas as eleccións do ensino público para o día 9 de decembro
A irresponsabilidade da Consellaría afectou tamén ás eleccións sindicais, pois a súa inhibición demorou a toma de decisión de trasladalas para o día 9 de decembro. Para a CIG-Ensino, a ineficacia da Consellaría foi a mellor aliada na obstaculización do proceso electoral, un proceso electoral que poñerá en evidencia a desaprobación da política educativa desta Consellaría por parte do profesorado.
Novas relacionadas