A CIG Ensino denuncia a indefensión das equipas directivas fronte a situacións excepcionais como temporais, inundacións ou problemas estruturais dos edificios
Nesta mesma semana quedou clara esta problemática coa actuación da administración no CEIP Frei Luis de Granada de Sarria
Desde a CIG Ensino denunciamos a indefensión das equipas directivas á hora de tomar decisións en canto á suspensión das actividades lectivas xa sexa por mor dun temporal ou problemas de inundacións ou ben, como foi esta semana o caso do CEIP Frei Luis de Granada de Sarria, por mor de problemas estruturais do propio edificio.
As equipas directivas teñen que ter un protocolo de actuación no que a súa decisión se respecte; non poden estar ao albor de decisións xerais tomadas desde un despacho dun responsábel político sen ter en conta a situación real dos centros educativos ou da climatoloxía de cada zona. Nalgúns casos esas decisións chegan mesmo a cuestionar as que poden ter tomado, por responsabilidade, as direccións dos centros.
Debería ser a propia Administración quen tomase decisións como a suspensión de actividades lectivas, pero temporal tras temporal, problema tras problema, observamos que se deixa en mans das equipas directivas a decisión de suspender ou non as clases, sen ter claro as mesmas direccións se van ser apoiadas ou non na súa determinación, tomada sempre en aras de garantir a seguridade do alumnado, profesorado e resto do persoal do seu centro.
A CIG Ensino esixe a negociación dun protocolo de actuación para que as equipas directivas teñan claro como actuar en cada momento, limitando ao máximo a discrecionalidade e arbitrariedade, asumindo a responsabilidade última a propia Administración e deixando claro que cando as direccións se vexan na obriga de tomar unha decisión non van ser cuestionadas pola Consellaría.
Como xa fixemos coa nosa presenza no centro no propio día no que o centro de Sarria suspendeu as aulas, damos todo o noso apoio ao profesorado que tomou a decisión máis correcta para preservar a seguridade de todo o alumnado e persoal e exiximos da Xefatura Territorial de Lugo que se poñan os medios para o correcto desenvolvemento das actividades lectivas sen poñer en risco a seguranza de ninguén.
Foto da aulas apuntaladas do colexio Frei Luis Granada de Sarria CC-BY-SA Praza Pública / Cedida