A CIG-Ensino denuncia a falta de recursos materiais e didácticos no IES Milladoiro

A dotación de persoal docente tamén é insuficiente

A CIG-Ensino denuncia a desidia da Consellaría de Educación que este inicio de curso puxo a funcionar o IES Milladoiro sen dotalo dos medios materiais e humanos necesarios e cunhas dotacións deficientes.

Un dos problemas que presenta o novo centro é que as aulas son demasiado pequenas e do mesmo tamaño con independencia de que teñan que acoller 15 alumnos/as que 30 ou 31.

Ademais nas aulas non hai ordenadores  nin canóns. Tampouco dispoñen de conexión a internet por wifi. Ademais hai un impresora unicamente para todo o profesorado.

O salón de actos, que estaba pensado para acoller un comedor, ten un aforo raquítico  de 80 persoas.   Non hai material básico como dicionarios e a biblioteca -que carece de fondos-  non funciona porque non hai profesorado suficiente para atendela.

A falta de profesorado tamén obriga a que haxa un só recreo. A falta de recursos e de material tamén afectan ao laboratorio no que hai un microscopio. O profesorado tampouco dispón doutros medios como reprodutores de audio, que teñen que traer da casa o propio persoal docente.

Os IES do Milladoiro tamén iniciou o curso sen cafetería e non se prevé que a haxa até despois do Nadal, polo que xa se queixaron tanto os pais como o alumnado.

Estas deficiencias son un exemplo de como a Consellaría de Educación abandona e recorta no ensino público e aposta polo privado. Diante deste desleixo a CIG-Ensino esixe da Consellaría de Educación que dote ao IES Milladoiro dos medios materiais e humanos necesarios para o seu correcto funcionamento.

Volver