A CIG-Ensino denuncia a eliminación das licenzas de formación retribuídas e demanda a súa urxente convocatoria e un cambio radical no seu deseño

Na proposta de licenzas que se debaterá na Mesa Sectorial do mércores 4 só figuran as licenzas sen salario, unha decisión que agrava os recortes destes últimos anos

A posibilidade de que o profesorado puidese gozar dunha licenza para ausentarse do seu posto de traballo e formarse, un aspecto moi relevante para a necesaria adaptación aos diferentes cambio e exixencias do sistema educativo, foi un dos recortes que acompañaron aos diferentes gobernos do PP desde a chegada de Feijóo á Xunta e que agora Rueda mantén e mesmo agrava.

O profesorado galego pasou de contar con licenzas retribuídas de medio curso ou de curso completo para rematar estudos que puidesen ter relevancia tanto no seu futuro profesional como na mellora do sistema educativo a só poder optar a licenzas (entre un e tres meses) para desenvolver traballos curriculares. Estas modalidades supuxeron eliminar a alta demanda previamente existente, reducindo gradualmente tanto as licenzas concedidas como os fondos destinados a este fin.

As licenzas non retribuídas son as únicas que se traen á Mesa Sectorial para poder solicitalas no curso 205/26. Foron eliminadas tamén polo primeiro goberno Feijóo (nun exemplo de libro da paranoia contra o persoal docente que implica que unha administración educativa negue que o seu profesorado poida estar un curso sen cobrar para poder mellorar profesionalmente. A CIG-Ensino demandou a súa recuperación e foron incorporadas dentro do “acordo da vergoña” de outubro de 2023, algo que a CIG-Ensino considerou positivo mais con efectos moi limitados. Tal foi así que na primeira convocatoria, no presente curso, só foron solicitadas por 8 docentes, o que demostra que negalas era un castigo ao profesorado e autorizalas non ten repercusión para a Consellaría (ao ser unha licenza a administración só corre cos gastos da cotización mais non do salario).

A CIG-Ensino demanda a convocatoria das licenzas retribuídas e a recuperación das de formación académica

Malia ser a posición da CIG-Ensino moi crítica cos recortes nas licenzas retribuídas que foron quedando, eliminalas é impresentábel, porque retira un dos poucos incentivos que ten o profesorado para elaborar contidos actualizados para as súas materias e módulos así como para fornecer un repositorio de materiais didácticos, que a CIG-Ensino sempre demandou que tiñan que ser obrigatoriamente en galego, para así tamén mitigar a carencia existente de materiais na nosa lingua, especialmente na FP. Por iso, o sindicato pide explicacións á Consellaría e urxe unha rectificación e a convocatoria para o curso próximo, traéndoa canto antes á Mesa Sectorial. Tamén na liña das nosas propostas destes últimos anos, urximos á recuperación das licenzas por estudos, mellorando a accesibilidade á mellora da formación académica do profesorado, o que só pode ter efectos moi positivos na calidade do sistema educativo.

Volver