
A CIG-Ensino denuncia a chapuza sen límites realizada por Educación coa publicación dunha orde para a implantación da LOMCE
A CIG-Ensino presentará recurso contra esta orde pola súa ilegalidade
A CIG-Ensino denuncia a chapuza sen límites que vén de realizar a Consellaría de Educación coa publicación no DOG da ORDE do 23 de xullo de 2014 pola que se regula a implantación para o curso 2014/15 dos cursos primeiro, terceiro e quinto de educación primaria, segundo o calendario de aplicación da LOMCE.
Estamos ante un despropósito maiúsculo para o cal xa nin sequera chegan os cualificativos, por ser a maior chambonada que se poida facer, unha chambonada que incorre en ilegalidade e vulneración da propia lexislación ditada polo goberno, pois é preceptivo que esta implantación se regule por medio da publicación dun Decreto que debe ser informado polo Consello Consultivo e posteriormente ese decreto ten que ser desenvolto por unha orde. Mais a obcecación, o ideoloxismo e o servilismo a Madrid son de tal calibre que fan que o Conselleiro de Educación se salte os trámites legais e invente este despropósito que é publicar unha orde transitoria antes có propio Decreto preceptivo. Un caso insólito, unha chapuza absoluta como se pode ver na propia xustificación da publicación. Unha ilegalidade flagrante que a CIG-Ensino non vai permitir.
Anxo Louzao, secretario nacional da CIG-Ensino, considera que "a gravidade deste feito é maior se temos en conta que xa se sabía de antemán da imposibilidade de poder seguir todos os trámites establecidos para que se puidese aplicar a LOMCE no 2014-2015, algo que a CIG-Ensino denunciou permanentemente". Louzao engade que "a Consellaría fixo oídos xordos ás propostas da CIG-Ensino e ás mobilizacións levadas a cabo para reclamar a paralización da aplicación da LOMCE, non só polo que a lei supón para o ensino público: españolización segregación, mercantilización, privatización, confesionalidade, etc... senón tamén porque é imposíbel aplicar unha lei sen levar a cabo o debate necesario co tempo suficiente de xeito que a programación do curso se poida realizar de maneira axeitada e co material necesario. E a maiores realizan esta publicación a mediados de agosto, demostrando unha vez máis a súa desconsideración co profesorado".
Por iso a CIG-Ensino propón que se manteñan os actuais libros de texto e que non se aplique a LOMCE, "e estes feitos evidencian que nos sobran razóns para facer esta proposta de non aplicación da LOMCE", sinala Louzao.
A CIG-Ensino considera que a Consellaría de Educación, con esta publicación, a parte de actuar unha vez máis á marxe da súa propia legalidade, amosa un total vasalaxe e submisión aos mandatos de Madrid até o extremo de provocar un desbaraxuste no funcionamento do curso vindeiro e actuar xusto na dirección contraria da calidade educativa que invocan na propia lei. Isto evidencia que no Conselleiro de Educación pesa máis o seu posicionamento ideolóxico de ultradereita que o bo funcionamento do sistema educativo.
"O lóxico e normal, e así o concluíron outras Administracións educativas do Estado, sería non aplicar a LOMCE o curso que vén" manifesta o Secretario nacional da CIG-Ensino e engade "estamos ante unha publicación ilegal na medida en que unha orde non pode dar por feito uns decretos que teñen que ser preceptivamente analizados polo Consello Consultivo para poder aprobalos e logo ser desenvolvidos por unha orde".
Ante estes feitos a CIG-Ensino vai continuar propoñendo ao profesorado que non aplique a LOMCE, especialmente cando se fai por medio de directrices ilegais, como agora se fai. A CIG-Ensino anuncia tamén que vai interpor recurso contencioso-administrativo contra esta orde, por ser manifestamente ilegal e contraria a dereito