A CIG-Ensino denuncia a campaña de acoso e difamacións contra as súas delegadas en AMICOS

O sindicato expresa o seu total apoio ás representantes no comité de empresa, que seguen sufrindo ataques por parte da dirección da mesma.

A CIG-ENSINO iniciará de inmediato accións legais contra todas as persoas implicadas nas acusacións falsas e calumnias vertidas contra as súas representantes. Denuncia que a dirección da entidade, apoiándose en traballadoras afíns, está a utilizar prácticas intolerables para silenciar e coaccionar o resto do persoal, vulnerando dereitos laborais fundamentais.
 

Nas últimas horas asistimos a un novo intento de criminalización dunha das nosas delegadas por parte da dirección da empresa, consistente en pechar nun local da dirección e presionar a traballadoras para que remitan escritos nos que verten todo tipo de calumnias e difamacións contra a nosa representante, reiterando o feito de que “todo ocorre dende que esta persoa é delegada sindical”. Destes feitos podemos dar conta e amosar probas, tanto é así que un dos último escritos deste tipo xa apunta de xeito velado ás presións que a remitente admite recibir por parte da empresa para realizar esta acción. Os escritos ademais caen polo seu propio peso porque están redactados de forma case idéntica. Queda claro que non son testemuños persoais e independentes, senón que se trata do mesmo argumentario replicado de forma reiterada, no que se reproducen as mesmas calumnias e acusacións contra a representante escollida lexítima e democraticamente polo persoal traballador de Amicos. Estas condutas son totalmente inadmisíbeis e propias de prácticas mafiosas.

 Dende a CIG-ENSINO estamos profundamente orgullosas do infatigable e inmenso traballo realizado polas nosas delegadas en AMICOS, quen, a pesar da profunda represión sufrida desde que se presentaron en marzo de 2023 ás eleccións sindicais, continúan realizando un gran labor de fiscalización da empresa e de defensa dos dereitos laborais do conxunto do persoal de AMICOS, conseguindo neste tempo que a empresa teña por fin un Plan de Igualdade; que as traballadoras teñan en tempo e forma os cadrantes anuais;  o cobro de complementos salariais que non se pagaban antes da entrada da CIG, a reorganización do horario do persoal, a implantación da xornada de verán especial ou o fin da utilización unilateral por parte da empresa do concepto de “bolsa de horas”, así como conseguir que a inspección abrise un requirimento á empresa a efectos de achegar dunha vez por todas a avaliación de riscos psicosociais, algo que se viu obrigada a facer despois desta denuncia.

Nada do que ocorre estes días é casual. Esta campaña coincide no momento no que a outra parte do Comité de empresa vén de romper unilateralmente un acordo impulsado polas delegadas da CIG no que se solicitaba revisar o cumprimento dos dereitos do persoal no tocante aos artigos 47 e 50 do convenio de aplicación (descanso diario e semanal e xornada irregular). A isto cómpre engadir que no pasado mes de xaneiro a empresa impediu de xeito ilegal ao representante e asesor da CIG-ENSINO entrar ás instalacións e participar na reunión do Comité de Empresa, un dereito que recolle a Lei de liberdade sindical e o propio regulamento do Comité, situación que xa está denunciada ante a inspección laboral.

As nosas delegadas coñecen ben o que é enfrontarse á dirección de AMICOS na procura dunhas condicións laborais dignas para o conxunto das traballadoras e traballadores. Neste sentido, a empresa levou até o xulgado a unha delas por “darlle un golpe a unha máquina expendedora”, unha “acusación” que retiraron e deron marcha atrás no propio xuízo. Unha dirección que leva despedindo de xeito inxustificado nos últimos meses a 18 persoas (a última, por certo, a semana pasada), sen causas probadas, todas con carácter de improcedencia. Ademais, outras 30 persoas tiveron que causar baixa voluntaria na empresa no último ano e medio pola situación de pleno terror e acoso laboral que se vive dentro da mesma. Á CIG-Ensino non nos vai dar leccións nunca unha empresa que actúa con este desleixo e que suma tantas demandas xudiciais perdidas e  denuncias e sancións da Inspección laboral por incumprimentos constantes do marco de relacións laborais.

Dende a CIG-ENSINO queremos comunicarlle ao conxunto de traballadoras de AMICOS, a familias de usuarios/as e á sociedade da comarca do Barbanza en xeral que non permitiremos a impunidade da empresa e a situación de máximo estrés laboral, medo e indefensión que sofren as nosas delegadas, as nosas afiliadas e tamén todas as traballadoras que son vítimas deste tipo de actitudes diarias por parte da dirección. A este respecto, iniciaremos de inmediato todas as medidas xudiciais correspondentes ante todas as persoas que verteron acusacións infundadas e calumnias gravísimas cara ás nosas delegadas e ante quen inspira e alenta estas accións. Tamén comunicamos que chamaremos a toda a sociedade nos vindeiros días a unha concentración contra a represión sindical en AMICOS a realizar no concello de Boiro, entre outras medidas. Por último, reiteramos o noso apoio e colaboración sindical a todas as traballadoras e traballadores e amimámolos a dar o paso e defender os seus dereitos fronte á dirección desta entidade  e a contruibuír no fomento dun clima laboral favorábel e acorde ás necesidades do sector e do tipo de usuarios e usuarias do centro. Estamos con  vós.

Volver