A CIG Ensino denuncia a actuación do CPR Sagrado Corazón de Lalín cunha das súas traballadoras

Despide á traballadora a escasos meses da súa xubilación para contratar a unha familiar

A CIG Ensino denuncia que a traballadora do CPR Sagrado Corazón de Lalín, Geli Rodríguez Amado, vai ser despedida en decembro cando está a escasos meses de chegar a súa idade de xubilación. O sindicato anuncia que, unha vez esgotado o camiño da negociación coa empresa, comezará un calendario de accións para que os dereitos da compañeira Geli, e incluso do seu alumnado, sexan restituídos.

A empresa chegara a un compromiso coa CIG-Ensino de manter no posto de traballo á traballadora até o 31 de agosto, data na que remata o curso escolar, deixando sen efecto a carta de despido que pon fin á relación laboral o día 6 de decembro. A traballadora, a piques de cumprir a idade de xubilación estaba de acordo coa proposta. Sen embargo, finalmente a empresa deu marcha atrás e mantén o despedimento.

Non debemos esquecer que o CPR Sagrado Corazón Lalín é o único centro de ensino privado-concertado que existe no concello, e que conta con pago delegado dende a Consellería, polo que o persoal que traballa no centro educativo cobra os seus salarios directamente desta, motivo polo cal a CIG-Ensino instou tamén ao Conselleiro de Educación, Román Rodríguez, a que tome cartas no asunto e esixa á Xerencia e dirección do centro educativo unha rectificación nas súas medidas e impida así esta ilegalidade.

Precariedade e abuso patronal

O contrato da traballadora é de 9 horas semanais e non acada os 600 euros mensuais, encadeando contratos por obra e servizo desde decembro do 2015, o que é abertamente fraudulento xa que os contratos desta categoría están reservados para funcións alleas ou non habituais dunha empresa, o que non se produce neste caso, xa que a compañeira despedida é mestra de AL. 

E importante recalcar que para o CPR Sagrado Corazón este despido non supón aforro económico algún, nin tampouco responde a unha adecuación do persoal ás novas necesidades da empresa, pois como mestra especialista en Audición e Linguaxe, mesmo aumentou desde o comezo de curso o alumnado ao que atende.

Destacar en toda esta situación a nula defensa da traballadora realizada pola FSIE, organización maioritaria dentro do Comité de Empresa do Sagrado Corazón.

Todo o anterior apunta a que a situación é a confluencia dunha vendeta por unha reclamación económica feita en datas recentes pola profesora e a necesidade de facer un “oco” na empresa para unha contratación determinada.

A CIG-Ensino vai emprender unha campaña de información ás familias da comunidade educativa do CPR Sagrado Corazón de Lalín, que comezará o martes día 5 de decembro á saída do alumnado da escola. Tamén se vai pór en marcha unha campaña de recollida de sinaturas baixo o lema “Pola reincorporación da mestra Geli ao seu posto de traballo”. Esta campaña continuará cunha concentración de apoio á nosa compañeira o vindeiro mércores día 13 de decembro. Desde o sindicato non descartamos continuar con outras mobilizacións de non lograr a reincorporación da compañeira ao seu posto de traballo, nas condicións pactadas inicialmente coa empresa.

Volver