A CIG-Ensino defendeu a retirada do proxecto de decreto de currículo para Primaria presentado pola Consellaría
A CIG-Ensino defendeu tamén no Consello Escolar de Galiza 59 emendas
O desenvolvemento da sesión amosou claramente a presa da Consellaría e o desinterese por debater este documento tan importante . Na segunda parte do Pleno a Consellaría nin sequera se dignou en defender o texto contra as emendas presentadas. A comunidade educativa en xeral, e o profesorado, en particular non se merece semellante desconsideración e falta de respecto. A CIG-Ensino presentou unha emenda á totalidade solicitando a retirada deste proxecto. Neste sentido presentáronse outras 3 máis que foron rexeitadas, todas elas, por un voto de diferenza.
Debatéronse 118 emendas, 59 delas da CIG-Ensino. Foron aceptadas 25, que agardemos sexan recollidas no texto definitivo. Algunhas das emendas que presentou a CIG e que foron aceptadas son, pro exemplo, a supresión dentro das competencias clave do currículo a iniciativa e o espírito emprendedor; incluír dentro do currículo de ciencias sociais un novo contido relativo o Reino Suevo e o Estatuto galego ou, engadir dentro da área Valores sociais e cívicos como forma de discriminación a homofobia ea transfobia.
Tamén foi debatida unha proposta da CIG sobre o mantemento dos actuais libros de texto de cara ao vindeiro curso escolar no que se insta á Consellaría ao envío de instrucións claras aos centros a respecto desta cuestión. Aínda que houbo empate na votación, foi rexeitada polo voto de calidade do Presidente do CEG.
En calquera caso esta actuación da Consellaría vén de amosar mais unha vez, que ao Goberno galego pésalle máis a subordinación política ao Goberno central que o bo funcionamento do sistema educativo galego e a consideración profesional do profesorado.
NOVA ANTERIOR