CIG-Ensino, CUT, SNEP e CIG-Autonómica convocan paro parcial o próximo mércores nos sectores de infantil 0-3 anos, discapacidade e menores e tres etapas reivindicativas de Camiño de Santiago desde hoxe
Hoxe luns e mañá martes terán lugar caravanas de coches reivindicativas con saída ás 11:30 horas desde Arzúa e Arca. A peregrinación rematará o mércores 3, coincidindo co paro laboral de 9 a 15h. Haberá manifestación desde o Monte do Gozo até a Xunta.
As tres organizacións sindicais, CIG (Ensino e Autonómica), CUT e SNEP chaman á unión do persoal traballador destes tres sectores, aos que se une nesta ocasión o persoal das escolas infantís dependentes da Xunta, cun obxectivo común: conseguir melloras laborais, sociais e salariais a través de convenios dignos e xustos, así como a baixada das ratios, máis persoal na atención directa, unha xornada laboral axeitada, máis recursos e dereitos, mellores instalacións....
Tamén facemos unha chamada pública de unidade de acción reivindicativa nas rúas galegas, organizada por todas as entidades sociais, organizacións, plataformas, e asociacións que aposten polas mobilizacións e a folga, tendo claro que a loita é o único camiño e que miren polo interese colectivo e non polo propio.
E, por suposto, dirixida á Xunta de Galiza, concretamente á Consellaría de Política Social, que é quen ten todas as competencias e o poder de modificar a mesma situación de precariedade que sofren estes 3 sectores.
Coincidindo as reivindicacións nos 3 sectores e tendo as competencias a Xunta de Galiza, que se comporta como un búnker, xuntemos as nosas forzas na Galiza os tres sectores e negociemos nós as nosas condicións!
Recordámosvos as tres accións reivindicativas a levar a cabo:
Un CAMIÑO DE SANTIAGO REIVINDICATIVO de 3 etapas, cunha XORNADA DE FOLGA (na última etapa):
- O 1 de xuño 1ª etapa saída 11:30 h. Arzúa até Arca, con caravana de coches cos/as delegados/as de cada sindicato que teñen horas sindicais.
- O 2 de xuño 2ª etapa saída 11:30 h. Arca até Monte do Gozo, igual á 1ª etapa cos/as delegados/as aos que se pode unir persoal traballador que poida e queira participar.
- O 3 de xuño 3ª etapa con MANIFESTACIÓN, saída 11:00 h. do Monte do Gozo á Xunta (San Caetano), nunha xornada de folga cun paro parcial de 6 horas (das 9:00 ás 15:00h.), ao que está chamado todo o persoal traballador, que non teña SS.MM de mañá, ou non estea en quenda de mañá no seu posto de traballo. Aumentamos 1h. o paro parcial pola solicitude feita polos centros de traballo máis alonxados de Santiago de Compostela.
Desde a CIG chamamos públicamente á unidade de acción mobilizadora nas rúas de Galiza aos 3 sectores: Discapacidade, Menores e Infantil 0-3 (nesta caso tanto público como privado) despois do éxito da acción "Mércores en Loita". As accións desenvolvidas polo persoal traballador destes tres sectores, baixo o lema "PolíticaSocialenLoita", pretende visibilizar, unha vez máis, as súas condicións precarias diante da sociedade para chamar a atención da conselleira Fabiola García.
A CIG-Ensino anima ao persoal dos centros de traballo que aínda non participou nesta acción a facelo e a compartir nas súas redes sociais e no correo unitario das tres organizacións sindicais politicasocialenloita@gmail.com as imaxes nas que se amosen as súas principais reivindicacións. Ademais, en paralelo, tamén se está a mover outra iniciativa baixo o título "Concienciación Social" a través da cal se detalla en vídeos e imaxes o día a día do persoal traballador e que compartimos na canle de Youtube.
Esta semana será un "Mércores en Loita" especial coa convocatoria de folga despois de que nos propios centros de traballo se realizaran concentracións con mensaxes reivindicativas para amosar as condicións laborais, precarias e inxustas nestes tres sectores de especial relevancia social. Ao longo destes meses, febreiro - marzo - abril - maio, xa se foron realizando este tipo de iniciativas visualizándoas nas redes sociais e de cara á sociedade, como se pode ver na seguinte galería de imaxes do mércores pasado:
Nas accións de visualización prégase empregar os seguintes cancelos para acadar maior difusión:
#politicasocialenloita #discapacidade
#menores #infantil03
#conveniogalegodiscapacidadexa. #melloraslaboraisdiscapacidadexa
#conveniogalegomenoresxa. #melloraslaboraismenoresxa
#melloraslaboraisinfantil03xa #conveniogalegoinfantil03xa


