A CIG-Ensino, CUT e SNEP manteñen a unidade de acción sindical cun acordo reivindicativo para dar continuidade ás mobilizacións nos tres sectores

Seguen as accións “Mércores en Loita” e “Vídeos de concienciación social” polas melloras laborais, sociais e salariais na atención á discapacidade, menores e infantil 0-3: acordos e convenios dignos e xustos en Galiza.

As organizacións sindicais apostan por reforzar no Consello Galego de Relacións Laborais (CGRLs) a negociación coas patronais e coa administración galega, de melloras complementarias que permitan incrementar salarios (complemento autonómico), reducir ratios e mellorar recursos humanos e materiais nos tres sectores, así como as melloras sociolaborais do persoal traballador no camiño de acadar convenios galegos dignos e xustos.

A CIG-Ensino, CUT e SNEP manteñen a unidade de acción sindical para dar continuidade ás mobilizacións comezadas nos tres sectores de educación e atención ás persoas: Discapacidade, Menores e Infantil 0-3, e para defender as seguintes reivindicacións do persoal traballador ante a administración galega, as patronais e as empresas e entidades:

Discapacidade (E o servizo de atención temperá na Galiza)

-Aplicación inmediata do total dos incrementos salariais recollidos no XVI Convenio Estatal por parte da administración, que agora mesmo están a asumir as Asociacións en parte.

-Constitución dunha Mesa tripartita (administración, sindicatos e patronais) coa finalidade de dignificar os salarios coa creación dun Complemento salarial autonómico.

-Maior dotación de recursos humanos e materiais, así como baixada das ratios, que garanta unha maior seguridade e mellor coidado tanto do persoal traballador coma das persoas con discapacidade.

Menores

-Aplicación inmediata a todo o persoal traballador, desde xaneiro de 2026, das táboas salariais aprobadas no V Convenio Estatal, sen agardar a que se adxudiquen novos concursos, contratos ou concertos.

-O recoñecemento dun complemento autonómico, previa constitución dunha Mesa tripartita galega, que dignifique salarios e camiñe cara á homologación salarial nas mesmas categorías entre o persoal que está nos distintos tipos de centros.

-A dotación urxente de máis recursos humanos e materiais, redución das ratios, así como a mellora das instalacións en todos os centros, garantindo a seguridade e o coidado tanto para o persoal como para os menores.

Infantil 0-3

- Solicitude á Consellería de Política Social da integración das escolas infantís na Consellería de Educación,recoñecendo o seu carácter educativo fronte ao asistencial.

- Unificación das táboas salariais do XIII Convenio estatal, en base á gratuidade da Xunta, para todo o sector, confluíndo todas as táboas nas tipo A) de Xestión Indirecta.

-Creación dunha Mesa tripartita galega para traballar no recoñecemento dun complemento autonómico, que dignifique salarios, así como negociar a baixada das ratios e a mellora da calidade educativa.

-A dotación urxente de máis recursos humanos (parella educativa) e recursos materiais.

As organizacións sindicais acordan que a prioridade debe ser mellorar as condicións laborais e salariais mediante negociación colectiva, abrindo o Marco Galego de Relacións Laborais nestes sectores a través do CGRLs, no camiño de acadar no futuro convenios dignos e xustos na Galiza.

 

ACCIÓNS REIVINDICATIVAS A LEVAR A CABO:

 

- Darán continuidade aos “Mércores en Loita” con concentracións nos centros de traballo (realizar e difundir fotos e vídeos curtos e reivindicativos sobre as condicións laborais).

Material e cartaces: Ligazón
Vídeos dos mércores en loita: Ligazón á canle

- Un mércores ao mes os tres sindicatos, cos seus delegados/as e todo o persoal traballador que poida e queira participar, mobilizaranse diante das sedes de Política Social, das patronais ou centros de traballoreivindicando ser atendidos e escoitados pola conselleira, Fabiola García, coa finalidade de forzar a negociación coa administración galega e coas patronais/asociacións dos tres sectores. A primeira será unha concentración o mércores 8 de abril diante da Xefatura Territorial de Ourense e na mesma anunciarase a do seguinte mes. Ademais, visitaranse tres centros, un de cada sector, para apoiar, reforzar e visibilizar as concentracións nos centros de traballo dos “Mércores en Loita ”.

- Seguiranse realizando e difundindo “Vídeos de concienciación social”, nos que facer pública a situación nos centros de traballo (ratios, falta de persoal, cobertura de vacacións e baixas, falta de recursos materiais e de mantemento ou modernización de instalacións, perigosidade, toxicidade, etc.), as condicións laborais e salariais (conxelación salarial, absorción de complementos pola suba do SMI, contratos temporais, parciais e fixos discontinuos, licenzas e permisos, conciliación laboral-familiar...) e as reivindicacións do persoal.

- Outras accións reivindicativas de presión social das que informaremos nas nosas webs.

A conta de correo que centralizará a recepción de fotos e víseos será: politicasocialenloita@gmail.com

A CIG-Ensino ten na súa canle de Youtube un apartado específico desde o que difundir o material que xa se recibiu con anterioridade e que se moverá nas redes sociais deste mércores, 25 de marzo. Para a publicación destes contidos empregaranse os cancelos:

#politicasocialenloita

#melloraslaboraisesalariaisxa                                                 #conveniosgalegosxa             

#melloraslaboraisdiscapacidadexa                                            #discapacidade   

#melloraslaboraismenoresxa                                                     #menores         

#melloraslaboraisinfantil03xa                                                     #infantil03

 

Volver