A CIG-Ensino cualifica o Plan para o impulso da atención á diversidade como “insuficiente e propagandístico”

Na Mesa criticou que se fixera un anuncio á prensa sen traer o documento a este órgano, “o que demostra a súa nula vontade de negociar” e acusouna de xogar coas cifras dado que en EI e EP só se consolidarán especialistas de PT e AL que xa existen

O sindicato maioritario na Mesa Sectorial aproveitou a súa intervención para volver incidir na recuperación horaria das 18 e 21 horas que había antes dos recortes e na baixada de ratios en todas as ensinanzas a partir do vindeiro curso, ademais de negociar máis recursos dos anunciados para atender a diversidade, tres das principais reivindicacións que levaron a que este fora o curso máis conflitivo en Galiza desde finais dos anos 80 con seis xornadas de folga docente e múltiples mobilizacións desde setembro pasado.

A CIG-Ensino afeoulle á Consellaría de Educación que presentara o Plan para o impulso da atención á diversidade aos medios de comunicación sen negocialo, como é preceptivo, coa representación sindical do profesorado.Neste sentido, a súa secretaria nacional, Laura Arroxo, lamenta ter que enterarse pola rolda de prensa do presidente Rueda tras o Consello da Xunta e que non se presentara o seu contido para negociar. “Unha vez máis priorízase a publicidade e a propaganda en lugar do diálogo co profesorado”, indica.

Con respecto ao contido do Plan, Arroxo amosa a súa sorpresa con que se presente esta medida como unha modificación do catálogo de centros de infantil e primaria cando no mes de outubro durante a Mesa específica na que se debatía o Concurso Xeral de Traslados e do concurso de Orientación para estes centros a CIG-Ensino solicitou expresamente a actualización destes catálogos e un incremento de especialistas de PT e AL así como de profesionais de Orientación en todas as ensinanzas. “Daquela a resposta do director xeral de Centros e RRHH fora un non rotundo, malia que esta proposta contara co apoio das outras organizacións sindicais. Pois ben, de terse aceptado naquel momento os postos que agora se anuncian e outros que habería que negociar poderían ser fixos desde o próximo mes de setembro. Na nota de prensa da Xunta méntese claramente ao dicir que nos colexios de infantil e primaria vai haber máis profesorado fixo a partir do curso que vén. Esas 150 prazas de especialistas de PT e AL son de profesionais que xa están nestes intres de forma temporal nos centros e que se estabilizarán, segundo anunciou a Xunta, pero non será até o seguinte concurso xeral de traslados”, explica.

Con todo, o máis criticábel para a CIG-Ensino é que “unha verdadeira aposta pola atención á diversidade leva aparellada un aumento de profesorado de todas as especialidade, unha baixa de ratios e un maior peso dos departamentos de Orientación para tomar as decisións de que recursos humanos se precisan no centro e como se computa o alumnado con diversidade dentro da ratio de aula e nada diso está enriba da mesa para a Consellaría”, engade, á vez que volve insistir en que “de novo parece que o corpo de mestras queda á marxe das melloras laborais propostas para o vindeiro curso, ao igual que acontece no tema do horario lectivo”. Ademais cualificou como ridícula a cifra de 50 novas prazas de Orientación para os máis de 1000 centros educativos que existen en toda Galiza e para o número de profesionais que nestes intres están atendendo a máis de 250 estudantes, a ratio que estabelece a UNESCO como máxima para Orientación.

Sobre o anuncio da contratación en varios anos de 200 especialistas de Pedagoxía Terapéutica para Secundaria bota en falta que se inclúan tamén especialistas de Audición e Linguaxe e que non se mencione a asignación destes profesionais para ensinanzas como a Formación Profesional, as Escolas Oficiais de Idiomas, Conservatorios, Escolas de Artes e ensinanzas deportivas.  

A CIG-Ensino demanda que se convoque unha Mesa Sectorial específica para negociar os termos do Plan de atención á diversidade e a redución da burocracia tamén anunciada polo presidente Rueda e que neste último caso segue sen incluír medidas reais á marxe da aposta pola Intelixencia Artificial e outros anuncios de cara á galería.

Volver