A CIG-Ensino cualifica o documento base do Ministerio para reformar o sistema de ingreso docente de “escaso calado”

Esta mañá constituíuse o grupo de traballo, no que está a CIG-Ensino como sindicato máis representativo, que abordará catro eixos: temarios, modelo de oposición, fase de concurso e fase de prácticas.

As negociacións comezarán a partir de setembro e en calquera caso non afectarán ás oposicións de 2027.

En setembro arrancan as negociacións para modificar o RD 276/2007 que regula o ingreso, o acceso e a adquisición de novas especialidades nos corpos docentes despois de que hoxe quedara constituído o grupo de traballo entre o Ministerio e as organizacións sindicais. A CIG-Ensino forma parte destas negociacións en calidade de sindicato máis representativo e, coma sempre, irá informando de cada paso que se dea, publicando todos os documentos que se sometan a debate e levando a voz do profesorado galego e das casuísticas específicas do noso sistema de concurso-oposición a este marco de traballo.

O Ministerio de Educación presentou un documento base no que se fixan catro ámbitos de actuación: temarios, modelo de probas das oposicións, fase de concurso e fase de prácticas, sen que a priori se poida intuír que se pretenden realizar cambios de calado a respecto do sistema actual. Nunha primeira valoración, para a CIG-Ensino hai cuestións que son de vital urxencia como a revisión dos temarios, totalmente obsoletos, pero outras que deben ser abordadas con profundidade como mellorar a primeira parte da oposición, garantindo o anonimato das probas e non deixando  opción á subxectividade, que se cumpra o verdadeiro espírito dun concurso-oposición e que a fase de prácticas teña unha utilidade real ou senón que se elimine.

Temarios 

No apartado da folla de ruta a seguir a respecto dos temarios fálase de actualizar os contidos científicos, técnicos e culturais, de abordar as didácticas específicas en relación coas diferentes especialidades e as competencias profesionais e da inclusión de contidos comúns nos temarios de todas especialidades relativos ao sistema educativo e currículos competenciais, metodoloxías didácticas, avaliación, acción titorial, inclusión educativa, innovación e investigación educativa. Neste sentido cómpre ter en conta que actualmente case todos os temarios datan da década dos anos 90, polo que a súa reforma non só é necesaria, senón imprescindíbel. 

Probas da fase de oposición 

A respecto do modelo de oposición non se introduce ningunha modificación sobre as distintas partes que compoñen o modelo actual. Sobre a parte A da primeira proba só indica que se revisará o formato e os procedementos de corrección e sobre a parte B que se revisará o número de temas a extraer polo tribunal de acordo ao novo número que conteña cada especialidade. No que ten a ver coa segunda proba, a conformada pola elaboración e defensa da Programación Didáctica e da Unidade Didáctica, indícase como obxectivo unha revisión das especificacións que posibiliten a avaliación de competencias profesionais docentes en relación co modelo curricular, así como incluír indicadores como a atención á diversidade, o deseño universal para a aprendizaxe, a utilización pedagóxica de recursos dixitais e tecnoloxías emerxentes, os perfís de saída e a avaliación competencial. A CIG-Ensino fará unha proposta consensuada co profesorado galego na que se incida nunha reforma que garanta a obxectividade do proceso de oposición e se simplifiquen e adapten ás probas á selección de persoal docente, fin último deste procedemento. 

Fase de concurso 

A intencionalidade do Ministerio neste apartado limítase a que no baremo de méritos se reflicta a adquisición das competencias profesionais docentes nos ámbitos da formación, a investigación, a innovación ou a práctica docente no modelo curricular competencial definido na normativa vixente. A CIG-Ensino insistirá en que a reforma que se acometa garanta que o procedemento sexa un verdadeiro concurso-oposición e non unha mera oposición moitas veces definida pola primeira proba da mesma. 

Fase de prácticas 

A fase de prácticas, obrigatoria para obter o nomeamento como funcionariado de carreira, actualmente está posta en cuestión pola súa escasa utilidade. O Ministerio pretende incluír modificacións para reforzar precisamente este aspecto, para o que fala de revisar a súa duración, as funcións dos axentes intervenientes, a titoría e a avaliación. Porén, durante anos sobrevoou a idea de estabelecer un “MIR educativo” que, a teor do que se indica neste documento, quedaría descartado. Con todo, a CIG-Ensino considera que se esta fase non se dota de contido non ten sentido mantela sobre todo para quen leva moitos anos traballando xa no sistema educativo.

Volver