A CIG-Ensino cualifica de raquítica e insuficiente a oferta de emprego anunciada polo Conselleiro de Educación

Denuncia que a Consellaría vulnera os órganos de negociación para impor esta oferta insuficiente e seguir reducindo profesorado

A CIG-Ensino valora como raquítica e absolutamente insuficiente a oferta de emprego público anunciada polo Conselleiro de Educación no Parlamento Galego ao tempo que denuncia que se está a vulnerar os preceptivos órganos de negociación na oferta de emprego ao realizar este anuncia á marxe das mesas de negociación sen ter convocado aos representantes dos traballadores e traballadoras. Deste xeito a Consellaría pretende impor unha nova redución do profesorado, que se suma ás xa realizadas e ás pretendidas para este ano 2013, como os 315 postos menos de traballo previstos nos orzamentos.

A CIG-Ensino denuncia esta actitude de imposición e falta de negociación e manifesta que 200 prazas de Infantil e Primaria son absolutamente insuficientes se consideramos que desde 2009 a destrución de emprego acadou os 3000 postos de traballo. Non podemos esquecer que xa a oferta de emprego de 2011 foi raquítica e insuficiente. 

Finalmente hai que denunciar que este anuncio se faga á marxe dos órganos de negociación. Desde o inicio do curso a CIG-Ensino vén reclamado esta información na Mesa Sectorial de Educación.

A CIG-Ensino denuncia que a Consellaría incumpre os seus anuncios, pois cómpre lembrarlle ao Conselleiro que o pasado ano, no momento en que se anulou a oferta de emprego aprobada para 2012, o Conselleiro afirmou que esa oferta, a prevista para 2012, se sumaría a de 2013 e que mesmo farían xestións ante o Ministerio para incrementar a taxa de reposición prevista. A CIG-Ensino manifestou entón que non acreditaba nas palabras do Conselleiro. Lamentabelmente a realidade acaba por darnos a razón unha vez máis e comprobamos que o titular de Educación non ten ningún reparo en recorrer á mentira como argumento para impor a redución de postos de traballo no ensino público.

 

Volver