A CIG-Ensino cualifica de irresponsábeis e de desprezo ao profesorado as medidas tomadas pola Consellería de Educación con motivo da pandemia do Covid-19

A CIG-Ensino cualifica de irresponsábeis e de desprezo ao profesorado as medidas tomadas pola Consellería de Educación con motivo da pandemia do Covid-19

A decisión de suspender as clases a partir do luns e as instrucións de que o persoal docente acuda igualmente aos centros pon en grave risco de contaxio a un colectivo que pode ser transmisor do virus, ademais de no seu ámbito persoal, ao resto da comunidade educativa canto se reanude a actividade lectiva. O sindicato insta á Xunta a clarificar canto antes se a suspensión se vai prolongar até Semana Santa, en sintonía coas previsións sanitarias sobre o pico alto da enfermidade, para favorecer sobre todo a planificación das familias.

Pechar os centros co profesorado dentro. Así se resume o absurdo exemplificado na toma de decisións da Consellaría de Educación a raíz da crise sanitaria desatada coa expansión do coronavirus. “Malia que desde a CIG-Ensino lle ofrecemos colaboración e lealdade institucional á administración educativa para que tomase as medidas que considerase oportunas temos que amosarnos totalmente críticos coas formas e co fondo das decisións adoptadas”. Así se explicaba esta mañá o secretario nacional da organización maioritaria no ensino público galego, Suso Bermello, que lembrou que tanto na Mesa Sectorial do martes pasado como na reunión de seguimento da crise este mércores, entre a Xunta e as organizacións sindicais, non lles foi comunicada a intención de suspender as clases e de manter a permanencia nos centros para o persoal docente. “Tivemos que enterarnos de novo por unha filtración a un medio de comunicación privado e agardar ata onte pola tarde, unha hora despois de que xa estiveran colgadas as instrucións na web da Consellaría, para recibir a comunicación oficial por parte do seu gabinete. Non é de recibo que a administración non puxera en común estas medidas coa representación do profesorado e que teñamos que reaccionar a través da prensa cando pedimos por escrito que se consensuara cos sindicatos un protocolo claro sobre como actuar nos centros ante a falta de definición da Consellaría con respecto ás excursións, actividades escolares, sospeita ou confirmación de casos... que desde xa hai algunhas semanas preocupaba nos centros educativos”, apuntou Bermello. “Xa estamos acostumados ao ninguneo da administración pero neste caso, ante unha situación de emerxencia e totalmente excepcional, agardabamos outro comportamento máis democrático”, indicou. 

Mais as medidas dadas a coñecer onte son tamén un exemplo de auténtico despropósito. A suspensión das actividades lectivas e a obrigatoriedade de que o profesorado teña que seguir acudindo aos centros é dunha irresponsabilidade absoluta. “O noso malestar é maior, se cabe, cando comprobamos que hai comunidades autónomas que, correctamente, tomaron a decisión contraria, dispensando da obriga de acudir ao centro ao persoal docente e non docente”, sinalou o secretario nacional da CIG-Ensino. Esta decisión non só contravén as recomendacións científicas, sanitarias e formuladas onte polo mesmo presidente do goberno do Estado, senón outras directrices que está mantendo a Xunta ao recomendar non acudir ás súas dependencias e fomentar o teletraballo, tamén no sector privado. “Hai centros con máis de 100 docentes (a Xunta prohibiu eventos con máis de 50 persoas en locais pechados), que somos susceptibles de contaxiarnos como calquera outro colectivo (nestes momentos parece que hai un mínimo 5 casos confirmados en Gz, a maiores doutros positivos de alumnado) e que o que subxace detrás é un ataque á nosa profesionalidade e unha falta de respecto pola nosa función docente, como outros líderes políticos deixaron patente estes días coas súas declaracións”. 

Esta decisión, en opinión do sindicato, implica un risco que pode levar a que nun momento posterior se propague o contaxio do virus entre o persoal docente e non docente dun centro o que levaría novamente, nun bucle, a suspender de novo a actividade lectiva. “Agardamos que a Xunta rectifique, como fixo con outras decisións políticas erradas como a do peche do paridoiro de Verín, e onte mesmo fixemos un chamamento a todo o profesorado a que se rebele contra estas instrucións en claustros convocados de forma extraordinaria. Polo que sabemos esta mañá estase a producir moitos movementos nos centros de ensino neste sentido”.

Defensa legal de todo o profesorado que precise permiso para coidado de familiares 

En todo caso, se a Consellaría mantén esta decisión en contra do sentido común e do noso criterio, baixo ningún concepto se deben considerar como ausencias ao posto de traballo as faltas pola necesaria atención a fillos ou fillas menores de 18 anos ou familiares a cargo, que deben ser considerados sempre e en todo momento como de deber inescusábel. 

En palabras de Suso Bermello, “estamos tamén totalmente en contra da decisión de limitar o dereito dos e das traballadoras con fillos menores de 18 ou maiores a cargo, evidenciando unha falta total de sensibilidade e empatía co persoal, xa que se indica que mesmo nestes casos haberá que cumprir co “co cómputo total anual” do horario, procedendo os equipos directivos a “reorganizar o horario de permanencia no centro educativo”. Desde o colectivo docente está correndo a indignación porque a quen teña esta situación “permíteselle como medida de graza que coide ao 50% e o outro 50% do seu horario teletraballe desde os centros”. Insistimos en que se un traballador ou traballadora ten unha filla menor de 18 anos ou unha persoa maior a cargo e a súa parella, se non é familia monoparental, non pode ser obrigada pola administración a ir traballar, xa que se estaría incorrendo nunha irresponsabilidade por parte da docente ou do persoal de administración e servizos no seu deber de tutela.

Desde a CIG-Ensino instamos ao profesorado a facer uso dese dereito se non teñen outra posibilidade para coidar o seu familiar. Ao tempo, solicitamos plena colaboración dos equipos directivos, xa que neles recae a decisión de conceder o permiso de deber inescusábel relacionado coa conciliación da vida familiar (artigo 14 da orde de permisos). Así, demandamos das direccións que concedan todos os permisos a tempo completo que se soliciten por este motivo. Todo o profesorado e membros dos equipos directivos contarán co apoio da CIG-Ensino para defender estas decisións.

Non se garante a equidade e un trato non discriminatorio do alumnado 

Nas instrucións da Consellaría indícase que o “profesorado programará nas páxinas web dos centros ou por outros medios telemáticos, accesibles ao seu alumnado, actividades xenéricas relacionadas cos contidos curriculares para que o seu alumnado as poida realizar no seu domicilio, e fará o seu seguimento, pero non terán carácter de avaliables”. 

Non se ten en conta que a maioría dos centros non están preparados para tomar estas medidas e, o que é peor, non se ten en conta as propias recomendacións da administración educativa cando un mesmo grupo de alumnado se ten que segregar por algún motivo e unha parte del non pode asistir as aulas: sempre se deixa claro que non se pode adiantar materias nin impartir contidos curriculares. Pois ben, con esta instrución, a Consellaría tira pola borda o seu propio criterio e, sabendo que se poden producir discriminacións con alumnado que non teña acceso a internet ou teña outro tipo de dificultades, se indica expresamente que se farán actividades de contidos curriculares. 

Planificación para as familias 

Por último, Suso Bermello instou á Consellaría a plantexar todos os escenarios que poden darse tras estes 14 días de suspensión. A sociedade (sobre todos as nais e pais) debe contar cunha planificación con antelación suficiente. Tendo en conta todas as reaccións que se están a producir e as previsións máis razoábeis todo indica que a suspensión das aulas debería estenderse unha semana máis, xa que entre a teórica reanudación das aulas (luns 30 de marzo) e a semana santa só transcorren 5 días lectivos. Se a previsión fai pensar en que vai agravarse a extensión do pico do virus o goberno galego debería aclarar canto antes se nesa semana vai haber actividade lectiva ou non. Así mesmo, desde o sindicato consideran que a Consellaría debe deixar totalmente claro que a suspensión da actividade lectiva non vai ter ningunha repercusión académica (perda de avaliación continua) e que se vai reducir o currículo a avaliar e que, no caso da ABAU e en previsión de que a suspensión da actividade lectiva se amplíe, deben coordinarse coa CIUG as medidas a adoptar. No caso de valorarse unha modificación do calendario debe darse a coñecer canto antes.

Volver