A CIG-Ensino cualifica a situación do persoal do Junior´s como “desesperada”

O sindicato comezou a tomar medidas xurídicas após fracasar a vía da negociación e do diálogo coa propiedade da empresa

Nestes momentos, os 21 traballadores/as do colexio acumulan impagamentos de até 5 meses nos casos máis sangrantes e incluso nalgún caso descubriron que non estaban contratados/as nin cotizando á Seguridade Social.

A situación no colexio Junior´s segue sendo “lamentábel” e lonxe de ter visos de solución está máis enquistada que a comezos de curso. Acumúlanse os impagamentos até os 5 meses nalgún dos casos máis graves e mesmo hai persoas que descubriron que non están dadas de alta na Seguridade Social despois de comezar a traballar en setembro. Moitas das persoas que se incorporaron este ano non recibiron copia do contrato e tampouco cobraron. O responsábel comarcal da CIG-Ensino, Rubén F. Monteagudo, afirma que tanto os/as docentes como o resto de persoal están desesperados/as e que isto reflítese na escasa matrícula que ten o centro, con arredor de 40 alumnos/as nestes momentos.

Desde o sindicato xa se iniciaron as medidas xurídicas oportunas, coas primeiras reclamacións e dándolle traslado á Inspección de Traballo da situación, após fracasar a vía do diálogo e da negociación co seu xerente e propietario Diego Rosales Galiñanes.

Volver