A CIG-Ensino critica o recorte horario de atención aos usuarios da oficina de MUFACE en Compostela

O sindicato vai presentar unha queixa formal diante deste organismo esixindo que se manteña aberta a oficina no horario actual toda a semana.

O persoal mutualista da área de Compostela, a maioría docentes, recibiu onte un correo de MUFACE no que lle informaban de que a partir do luns, 16 de setembro, a oficina de Santiago só estará aberta os luns e xoves laborais de 9 a 14 horas. O resto de días as persoas usuarias teñen que desprazarse á Coruña ou facer as xestións a través da páxina web da mutualidade. No correo especifícase tamén que de precisarse receitas con visado poden remitirse por correo postal á oficina do Servizo Provincial na Coruña e que se lles devolverán por esta mesma vía. Para solicitar os talonarios de receitas só está habilitada a vía online ou telefónica.

Desde a CIG-Ensino denuncian o desmantelamento do servizo presencial de MUFACE que atende tanto a docentes en activo como a pensionistas, entre outros colectivos de funcionariado, independentemente de que se acollan á prestación sanitaria no SERGAS ou nas entidades privadas.

Volver