A CIG-Ensino critica a falta de control da Xunta sobre as empresas e as figuras de contratación externa incluídas no novo Decreto Galego de FP

No Consello Galego de FP o sindicato nacionalista lamentou que a Consellaría cree a figura do profesorado asociado “para darlle un retiro dourado a persoas do sector privado”, que ademais non estaba contemplada como tal na normativa estatal

A responsábel de Formación Profesional, Montse Pernas, volveu insistir na necesidade de regular a Dual intensiva cunha Orde propia e que non sexan as empresas as que seleccionen o alumnado neste réxime. Ademais, esixiu medidas correctoras para as que incumpran os convenios e plans formativos, documentos que deben actualizarse segundo o recollido no Real Decreto estatal 659/2023. Na Mesa Sectorial prevista para mañá afondará nas cuestións que afectan directamente ao profesorado do ensino público.

A CIG-Ensino aproveitou a convocatoria esta mañá do Consello Galego de FP, órgano consultivo no que están representadas varias Consellarías, ademais de Educación, así como a patronal para criticar que “as empresas gañen aínda máis peso do que xa tiñan nestas ensinanzas no novo Decreto Galego de FP”. En primeiro lugar lamentou que o departamento de Román Rodríguez non asumise a xestión da formación ocupacional e continua e, polo tanto, a oferta dos graos A, B e C, “para non quitarlle este negocio ás empresas”. A través da responsábel de FP pediu que se busquen alternativas para que se certifiquen oficialmente as formacións aceleradas e acusou a administración de seguir autorizando centros privados mentres llos nega aos públicos, poñendo como exemplo a autorización de tres ciclos para a academia Infórmate Oposicións en Ferrol, un deles o CS de Dietética que foi suprimido no CIFP Leixa recentemente.

Sobre a figura do novo profesor asociado, Pernas salientou que, ao contrario que na universidade que este é un perfil precarizado, “aquí semella que se vai crear unha figura de catedrático ou catedrática sen oposición, sen titulación e sen formación pedagóxica, con funcións propias do ámbito da innovación e da investigación e deixando para o persoal docente a docencia nos ciclos básicos e medios, a elaboración das programacións, a xestión da burocracia etc. Queren converter a FP no retiro dourado das amizades que teñen nas empresas, como se non fose suficiente as figuras de persoal experto do sector produtivo e de persoa experta sénior da empresa, contempladas no RD estatal”, indicou.

Falta de concreción sobre a figura da titoría dual de empresa

Entre as eivas que se destacaron por parte do sindicato no borrador do Decreto está a falta de concreción sobre os compromisos das empresas durante a fase de formación tanto no réxime dual xeral como no intensivo (entre elas informar á representación sindical sobre as persoas en formación), sobre as funcións da persoa que ten que exercer a titoría dual na empresa e especialmente sobre cuestións que recolle o RD e que non están nos acordos específicos que asinarán os centros educativos coas empresas e o plan formativo individual para cada alumno ou alumna e que se recollían nos artigos 156 e 157 respectivamente do RD 659/2023. Neste sentido aproveitouse para volver esixir que sexa o equipo docente o que asigne o alumnado na dual intensiva ás empresas “para evitar que estas decidan quen pode formarse e quen non” e pediuse expresamente que se manteña a comunicación por parte da Inspección Educativa á Inspección de Traballo sobre o alumnado que está en formación, período, horario etc.

Neste sentido lembrou que no Anexo XVII do RD (modelo de plan formativo individual para o alumnado) incorpóranse, entre outras cuestións “a coordinación dos períodos de formación na empresa, a autorización extraordinaria por parte da administración galega cando, por razóns xustificadas, o alumnado teña que realizar quendas de traballo nocturnas ou deban contemplarse períodos non lectivos, períodos non coincidentes co calendario escolar, descanso semanal inferior aos dous días con carácter xeral, mobilidade fóra da comunidade autónoma...”, todas elas cuestións que deben quedar claramente recollidas nesta documentación.

Resposta da administración e da patronal, en sintonía

A directora xeral de FP, pola súa banda, volveu incidir en que teñen que autorizar os centros privados  “se cumpren a normativa vixente” e que a partir do curso que vén será obrigatorio que empreguen as mesmas aplicacións informáticas que os públicos, sen concretar se, como se vén especulando, se vai implantar Proens nestes últimos e sen responder se tamén van ter Educalidade os privados. Eugenia Pérez explicou que o borrador do Decreto está en fase de exposición pública até o vindeiro 8 de xuño e que se recibirán achegas até cando menos o mes de setembro por parte das organizacións e colectivos directamente afectados.

Por parte da Confederación de Empresarios de Galiza, nunha actitude insaciábel a respecto de querer controlar aínda máis estas ensinanzas cada día menos públicas, pediuse que as empresas se encarguen directamente da acreditación de competencias do seu persoal (algo ao que a CIG se opón frontalmente por seren parte interesada no procedemento e porque suporía unha fonte máis de negocio con fondos públicos), maiores recursos económicos para afrontar os supostos gastos por ter alumnado en formación (a alta na Seguridade Social tramítaa Feuga e os costes da cotización non os sufragan as empresas) e que os centros educativos poidan contratar directamente persoas autónomas como perfís alleos. Para a CIG-Ensino tan culpábel da deriva privatizadora e desprofesionalizadora da FP é a patronal que aproveita até o último recurso para beneficiarse da reforma destas ensinanzas como de quen llo consente. Neste sentido, a directora xeral, que rexeita sistematicamente todas as propostas presentadas pola CIG-Ensino tanto na Mesa Sectorial como no Consello Galego de FP, amosouse aberta a que a asesoría xurídica da Xunta estude esta última petición malia que no propio borrador do Decreto se estabelece que as persoas expertas sénior de empresa, por exemplo, deben poder acollerse a unha redución parcial de xornada na súa empresa nos anos previos á súa xubilación ou estar xa acollidas á xubilación parcial. Así mesmo, amosou a súa vontade para negociar e incorporar as achegas que lle propoña a patronal esquecendo que a parte máis interesada desta reforma é o alumnado e o profesorado, nunha estratexia cada vez máis encamiñada a tratar como simple man de obra futura o primeiro e a substituír o último por axentes externos.

Os CFEAs, dependentes de Educación

No apartado de Rogos e preguntas, a CIG-Ensino pediu que os Centros de Formación e Experimentación Agraria dependan da Consellaría de Educación, como acontece noutras comunidades, dado que hai anos que a súa actividade principal se basea na oferta de ciclos formativos de FP. De feito, a propia conselleira de Medio Rural ofreceu unha rolda de prensa este mesmo mes na que o único que salientou foi o incremento da oferta de ciclos nestes centros o vindeiro curso. A representante de Agacal negouse totalmente alegando que estes centros eran estratéxicos para Medio Rural e que "cumprían unha función de capacitación dos profesionais e de transferencia tecnolóxica ao sector primario".

Na sesión de mañá da Mesa Sectorial docente afondarase máis en todo o relativo ás consecuencias para o profesorado desta proposta de Decreto e publicarase a información do que dea de si a "negociación" do mesmo.

Volver