A CIG-Ensino convoca unha concentración este mércores ás 11:30 diante de San Caetano para amosar o suspenso á Consellaría en dereitos, negociación e respecto ao profesorado

Durante a mesma dará conta dos resultados da consulta lanzada ao persoal docente no último mes arredor das medidas anunciadas por Educación sobre horario lectivo, ratios e atención á diversidade

O sindicato levará a cabo esta acción de protesta como “punto e seguido” do curso máis conflitivo dos últimos 40 anos no que se produciron seis xornadas de folga e múltiples mobilizacións tanto nos propios centros educativos coa acción Martes en Loita como a nivel comarcal ou centralizadas en Compostela. Un curso que remata con moito malestar nos centros ante a incerteza de se contarán con profesorado suficiente para cubrir as súas necesidades en setembro e no que nestas últimas semanas aínda houbo mobilizacións en varias localidades (Carral, Vigo, Burela, A Coruña, Fene, O Vicedo...)

A CIG-Ensino chama a participar ao profesorado galego, abafado nestes intres pola burocracia de fin de curso, moita dela repetitiva e totalmente innecesaria, a participar nunha concentración o vindeiro mércores, 1 de xullo, ás 11:30 horas para trasladarlle simbolicamente o suspenso ao conselleiro Román Rodríguez en tres grandes áreas: a recuperación dos dereitos roubados nos últimos anos, a negociación de melloras nas condicións laborais docentes e na calidade do ensino público galego e o respecto ao seu persoal que lonxe de verse recoñecido pola administración continúa baixo o seu punto de mira coas novas instrucións para o vindeiro curso nas que se incide no concepto de neutralidade ideolóxica como unha forma de censurar a súa liberdade de cátedra.

Durante a concentración o sindicato aproveitará para comunicar publicamente os resultados da enquisa lanzada nas últimas semanas ao profesorado galego baixo o lema “A túa opinión é a que conta” na que se recolle o grao de satisfacción ou de decepción sobre as escasas medidas anunciadas pola Consellaría para o vindeiro curso despois da presión exercida polas mobilizacións docentes, as máis numerosas desde o ano 1988. En concreto, nesa consulta preguntábase sobre a redución horaria no corpo de secundaria e das ratios na ESO e Bach, sobre as propostas para atender á diversidade, moitas delas sen concretar a estas alturas, sobre salarios e sobre redución de burocracia.

Para o sindicato esta acción é un “punto e seguido” no conflito laboral que mantén o profesorado galego contra as políticas da Consellaría de Educación e alerta de que estará moi vixiante durante todo o verán sobre os cupos do persoal docente nos centros e a dotación dos recursos humanos que precisan para atender a todo o alumnado a partir de setembro.

Volver