A CIG-Ensino convoca mobilizacións diante das Xefaturas Territoriais de Educación da Coruña e Pontevedra pola súa actitude “intimidatoria” contra o profesorado

Acordou presentar un recurso pola non cobertura dos catálogos de centros que están publicados

Tras 20 días de comezo de curso en Infantil e Primaria e 15 en Secundaria persisten os recortes e seguen sen cubrirse as necesidades máis imperiosas dos centros, fundamentalmente as súas demandas de profesorado. Fronte a isto, e no canto de atender a esas necesidades, a CIG-Ensino denunciou este martes, en rolda de prensa, a actitude “intimidatoria” das Xefaturas Territoriais da Coruña e Pontevedra contra estes centros, mesmo utilizando a páxina web da consellaría para os desprestixiar. Por iso ten convocado unha mobilización diante de ambas as dúas para mañá mércores ás 11:15 horas.

Os cadros de persoal de Infantil e Primaria están fixados por unha Orde que se publicou no DOG do ano 2010. Malia isto, a CIG-Ensino denuncia que este ano, e incumprindo a súa propia  Orde, a consellaría négase a cubrilos, o que está a provocar que neste momento haxa mobilizacións e conflitos en múltiples centros.  Aínda que a problemática afecta a centros en toda Galiza, é especialmente grave no caso da provincia de Pontevedra e en concreto nas comarcas do Baixo Miño e de Vigo.



Marta Dacosta, membro da Executiva da CIG-Ensino, acusa á Xefatura Territorial de Pontevedra de desatender as demandas de profesorado de centros como o CPI Suárez Marquier do Rosal; o CI Feliciano Barrera en Ponteareas; o CEIP de Barrantes en Tomiño; o CEIP de Abelendo e da Escola de Educación infantil de Berducedo en Moaña. “A todos fáltalles un profesor ou profesora que lles corresponde por catálogo”, afirma.



Ante esta situación, a CIG-Ensino decidiu presentar un recurso “porque non se están cubrindo todos os catálogos de centros que están publicados”. Ademais en dous casos, no do CPI Suárez Marquier, ao que lle falta o segundo profesor de Educación Física, e do CI Feliciano Barreras, ao que lle falta o cuarto profesor/a de Educación infantil con Inglés están co mobilizacións nas que xunto co profesorado está implicada o conxunto da comunidade educativa .


 Xunto a estes, o secretario nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao, asegurou que neste principio de curso foron preto de 200 os centros que non viron satisfeitas as súas demandas de profesorado. Louzao  denunciou  que a consellaría está a castigar “con máis contundencia a aquel alumnado que máis o necesita e que precisa reforzo educativo ou que ten necesidades educativas especiais”, porque, en lugar de dotar de profesorado a tempo completo de PTAL o que fai é compartilo entre centros, na maioría dos casos. Do mesmo xeito sinalou que hai numeroso centros que se viron  imposibilitados a ter este profesorado ou orientador/a ou ben comparten profesorado, unha situación que afecta a unha morea de centros de todo o país.


Louzao puxo tamén exemplos concretos de centros nos que se están incumprindo compromisos adquiridos, como é o caso do centro Vales de Villamarín de Betanzos, onde se creou un centro novo que sería independente do existente, pero que finalmente foi anexionado ao que xa había, ficando relegado a aulario e con máis de 1.000 alumnos en total e 2 edificios que están a unha distancia de 500 metros.


O mesmo ocorre co novo centro de Sigüeiro que xa está a funcionar e no que a ANPA tivo que asumir a xestión do comedor escolar. “Antes había un centro,  agora hai dous  pero entre ambos teñen  menos profesorado do que tiña antes un só”, denunciou Louzao. O secretario nacional da CIG-Ensino lembrou tamén que a falta de profesorado está a provocar a dimisión de equipos directivos como o do IES Vilar Ponte e actuacións nas que en lugar de substituír ao conserxe como no caso do Camiño de Santiago de O Pino, o que fan é pór uno a tempo parcial por catro horas nun horario que abrangue das oito e media da mañá ás dúas e media da tarde, con comedor e actividades extraescolares.


Actitude das Xefaturas Territoriais

Fronte esta situación a CIG-Ensino denuncia que en lugar de pór os medos para resolver os problemas, as xefaturas territoriais de Pontevedra e A Coruña están a manter unha actitude intimidatoria. “Actitude que vén dada por un uso perverso da páxina web da consellaría que está a servir só atacar aos centros que se mobilizan en demanda profesorado”, asegurou Louzao quen engadiu que “a propia consellaría usa a páxina web para atacalos e difamalos. Víñao facendo até o de agora coa CIG-Ensino pero neste momento tamén ataca a estes centros, co obxectivo de amedrentar e de manipulara  información para enganar á opinión pública”. Para o secretario nacional da CIG-Ensino,  estamos ante unha táctica da consellaría coa que pretende “agochar a súa inoperancia desprestixiando o profesorado”.

Pero estes non son os únicos problemas que acompañaron este comezo de curso. A Louzao denuncia que son moitas as unidades que superan as rateos estabelecidas, porque a administración non está disposta a desdobralas aínda que superen o número máximo de alumnos, e danse casos de agrupamentos de alumnado, nun mesmo curso, de distintos niveis e idades.

A CIG-Ensino tamén ten constatado como os perfís adxudicados ao profesorado non teñen que ver co solicitado, mesmo para o profesorado que está suprimido ou desprazado. “Tamén comprobamos que unha vez que se fixo a adxudicación definitiva do profesorado provisional apareceron interinidades que non foran ofertadas ao profesorado inicialmente”.



Aplicación da LOMCE

E se estes problemas non foran abondo, o inicio do curso evidenciou ademais, para a CIG-Ensino, o “despropósito” da aplicación da LOMCE e as negativas consecuencias que está tendo. Louzao lembrou que a consellaría publicou o mesmo días que se iniciaba o curso os currículos cos obxectivos que hai que conseguir nas etapas de Primaria e de Formación Profesional Básica. Porén, afirmou “neste intre nin sequera hai unha Orde ou norma que estabeleza como ten que ser o funcionamento coa situación que se dá ao convivir os dous sistemas educativos: a LOE e a LOMCE”.
Ao seu entender, “isto supón un quebranto e un desaxuste no funcionamento dos centros que se está solventando co criterio e a responsabilidade do profesorado”, unha situación que, en todo caso cualificou de “irresponsábel” por parte da consellaría á que “o único que lle interesa é atender os ditados que lle veñen de Madrid e ser submisa aínda que supoña cargar sobre as costas do profesorado toda a súa improvisación”.

Respecto da FP Básica que supostamente substitúe os programas de cualificación profesional e que porén “está afondando nas desigualdades sociais e está a ser un elemento de discriminación e marxinación”, xa que se imparten exclusivamente en 87 concellos de Galiza, impedindo o acceso ao alumnado do ámbito rural que nin sequera dispón de transporte para poder cursar este nivel educativo.

Paga extra

Respecto das retribucións do profesorado, Louzao denunciou que leva perdido o 20% do seu salario desde o ano 2010, no que se lle reduciu nun promedio do 7% e se conxelou esta redución até o día de hoxe coa previsión de que se manteña tamén para o ano 2015. Louzao desenmascarou ademais a Feijóo afirmando que o profesorado galego non vai recuperar a paga extra do ano 2012 “o único que se anunciou é o cobro dun 25% que corresponde á cantidade que os xulgando a están obrigando a pagar” dixo. A isto engadiu que “pretenden que continuemos a percibir o 60% das pagas extra para o ano 2015, ao igual que ocorreu nos anos 2013 e 2014”.

O secretario nacional da CIG-Ensino valorou ademais como totalmente insuficiente o anuncio de limitar a oferta de emprego ao 50% da taxa de reposición de efectivos cando nos últimos anos, producíndose máis de 4.000 xubilacións, só se convocaron 1.600 prazas. “Como mínimo as ofertas deberan abranguer o 100% das vacantes que se produzan”. Non esqueceu denunciar a “hipocrisía e o cinismo” do Secretario Xeral de Política Lingüística ao que alcumou de “caradura” por dicir que o Plan Xeral de Normalización Lingüística está vixente, cando foi dinamitado polo Decreto de Plurilingüismo e ningunha das propostas del emanadas se están a levar cabo.

Accións a desenvolver

Diante desta situación, ademais das mobilizacións que se desenvolverán este mércores e da presentación dun recurso contra a adxudicación de profesorado provisional, a CIG-Ensino promoverá pronunciamentos dos claustros de profesores para denunciar os recortes e actuación da consellaría. Xunto a isto continúa coa campaña de recollida de sinaturas para a ILP para a restitución dos dereitos laborais e retributivos do profesorado, xunto con propostas para mellorar a calidade do ensino e cubrir as necesidades dos centros.

Volver