A CIG-Ensino convoca manifestación o 13 e folga o 25 de setembro como inicio dun curso de mobilizacións contra a política de recortes e a propaganda da Xunta
O sindicato maioritario recolle o fondo malestar do profesorado galego que conta coas peores condicións laborais no contexto educativo máis complexo das últimas décadas nunha campaña de loita na que apela á Consellaría a Rectificar, Recuperar e Recoñecer
Baixada de ratios con carácter inmediato en todas as etapas, recuperación do horario lectivo previo aos recortes, incremento de persoal especialista para atender a diversidade e de profesorado en xeral para realizar apoios, reforzos e desdobres en todas as ensinanzas que así o precisen, eliminación da burocracia inútil e recoñecemento e dignificación da profesión docente tanto a nivel retributivo como administrativo. Son os principais eixos da táboa reivindicativa que a CIG-Ensino presenta á Consellaría para negociar no prazo de un mes para acadar melloras reais para o profesorado e o ensino público despois da fraude que supuxo o acordo asinado coa minoría sindical. Do contrario, intensificará as mobilizacións nun curso que se prevé moi conflitivo.

Tal e como anunciara a finais de curso, a CIG-Ensino intensifica a súa oposición á política de recortes, privatización, censura e propaganda que caracteriza á Consellaría de Educación, sobre todo desde a etapa de Rueda á fronte da Xunta. “A situación nos centros de ensino é insostíbel. A perda de dereitos foi flagrante nos últimos 16 anos pero desde que rematou a pandemia agudizouse o deterioro das condicións laborais do profesorado e da atención educativa que recibe o alumnado á vez que se incrementaba de xeito obsceno a propaganda da Consellaría”, sinalaba esta mañá Laura Arroxo, secretaria nacional do sindicato maioritario no ensino público galego, nunha comparecencia ante os medios na que estivo acompañada por membros da executiva federal. “Hai datos dos que non dispomos porque Educación non os facilita, como as baixas por saúde mental relacionadas co propio traballo, pero si tendencias claramente constatábeis como o incremento das xubilacións anticipadas, de excedencias voluntarias ou de renuncias a interinidades e a substitucións no ensino que nunca antes se produciran”, indicou, á vez que salientaba: “temos un profesorado literalmente queimado, con ratios que en moitos casos supoñen atender a arredor de 200 estudantes; unha diversidade cada vez maior nas aulas caracterizada por múltiples diagnósticos, protocolos, condutas autolíticas, alumnado migrante recén chegado... que non existía hai unha década; unha burocracia abafante que fai que cada decisión que toma un docente teña que recollerse nun trámite, cando este non se repite 3 ou 4 veces como denuncian os departamentos de Orientación; o peor horario lectivo en secundaria, FP e ensinanzas de réxime especial de todo o Estado; unha privatización cada vez máis feroz centrada sobre todo na Formación Profesional na que as empresas campan ás súas anchas e na que se prevé substituír parte do profesorado por profesionais do sector privado coa creación da figura do docente asociado; unha Consellaría obsesionada coa imaxe e a publicidade, que dedica inxentes recursos cada ano a eventos e asesorías, e tamén por controlar o labor pedagóxico nos centros e censurar todo o que soe a educación nos valores democráticos, pacifistas, ecoloxistas e feministas nos que non cren os seus dirixentes, como se demostrou co mantemento no posto de subdirector xeral da Inspección dunha persoa radicalmente retrógrada”.
Un curso de mobilizacións até que a Consellaría rectifique, se recuperen dereitos e se recoñeza a función docente

O feito de que este curso comece sen ningunha medida positiva que reverta esta situación e que a Consellaría maquille datos falsos de incrementos de persoal, unido ao fondo malestar que lle traslada ao sindicato nacionalista a maior parte do profesorado, levan á CIG-Ensino a plantexar os próximos meses como “de loita” baixo a campaña “Rectificar, Recuperar, Recoñecer”, xa iniciada en xuño pasado. Laura Arroxo dálle un mes á Consellaría de Educación para que inicie a negociación dunha táboa reivindicativa básica e anima ao profesorado a sumarse ás mobilizacións convocadas para este setembro: unha manifestación nacional en Compostela o sábado 13, á que están convidadas a participar familias, alumnado, colectivos e cidadanía a quen lle importa o futuro do ensino público, así como unha xornada de folga xeral o xoves 25, que tamén levará asociada unha manifestación en Santiago que rematará diante da Consellaría de Educación. A secretaria nacional da CIG-Ensino advirte que se non hai ningún avance nas demandas da comunidade educativa intensificaranse as mobilizacións e protestas, entre as que non se descarta ningunha medida.

Desmontando unha a unha as mentiras da Xunta
“A Consellaría é perfectamente consciente da fartura do profesorado e por iso se afana en dar datos irreais e en intentar controlar os medios de comunicación e o relato mais Román Rodríguez xa non engana a ninguén. Se é certo que aumenta o profesorado por que non dá os datos desagregados por etapa?”, pregúntase Arroxo. “Porque na única na que aumentou nos últimos anos é na FP polo impulso destas ensinanzas con fondos europeos a nivel estatal. No resto reduciuse. Pecháronse unidades e centros e amortizáronse moitas xubilacións en infantil, primaria e secundaria. Os orzamentos da Xunta están aí como proba. 30.424 docentes, esa é a cifra conxelada os últimos catro anos nas contas autonómicas, unha cifra por certo inferior á que se atopou Feijóo en 2009 malia todo o incremento da FP neste tempo, o que claramente supón que no resto de etapas diminuíu ostensibelmente”, explicou.
|
Interinidades CADP mestras |
Prazas atención preferente |
Plan Mega xornada completa |
Total prazas provisionais mestras |
Curso 24/25 |
2406 |
142 |
121 |
2669 |
Curso 25/26 |
2531 |
0 |
0 Incluídas no CADP |
2531 |
Diferenza |
+125 |
-142 |
-121 |
-138 |
Tamén se ve claramente nas adxudicacións no CADP que este curso hai 138 prazas provisionais menos de mestras de infantil e primaria que o pasado, dado que non se convocaron as 142 prazas de atención preferente de Pedagoxía Terapéutica e Audición e Linguaxe e as vacantes do Plan Mega este curso van incluídas no CADP, tal e como demandou a CIG nos tribunais “mais loxicamente sen que isto significara reducir as interinidades”. Así, Arroxo afirmou categoricamente “queda demostrado con estes datos que os fondos europeos destinados á inclusión educativa están a ser empregados para parchear necesidades estruturais dos centros (desdobres de aulas maioritariamente), ou que é o mesmo, que cando o goberno galego lle plantexou á minoría sindical o “Acordo de Melloras” fíxoo a custe cero sabendo que as poucas medidas que se ían autorizar se financiarían con estas partidas que, insistimos, tiñan que estar destinadas a reforzar a atención á diversidade, non a cubrir unha titoría ordinaria de primaria como está a pasar”.

No caso das adxudicacións de Secundaria, FP e outras ensinanzas o número de prazas provisionais é de 221 menos e o de persoal interino e substituto de 63 máis que o curso pasado. Das 4.310 prazas adxudicadas, 1.158 teñen afíns, o que supón o 26,9%. É dicir, que non son específicas dunha especialidade senón que se ten que impartir parte do horario doutra ou doutras, non necesariamente con esa afinidade que se lle presupón. Por exemplo, Memáticas con afín Debuxo ou Bioloxía ou Xeoloxía con afín Educación Física e Música. Este aumento de vacantes con afíns tamén se produciu considerablemente en Primaria, algo que non era habitual, pasando de 293 a 525, o que supón unha de cada cinco prazas adxudicadas.
Sobre as afirmacións de que o Acordo de Melloras impediu o peche de 265 aulas, a secretaria nacional da CIG-Ensino insta á Consellaría a detallar cales son esas aulas porque o ano pasado o sindicato solicitou eses datos polo portal de transparencia da Xunta e a resposta literal que obtivo é que “non existiu un documento coa relación detallada de centros docentes identificados coas aulas que se conservan en cada un deles como consecuencia da aplicación do Acordo do 11 de outubro de 2023”. De novo este curso pedirán que se aclaren que aulas son as que se non se pecharon. Arroxo tamén aludiu á ratio media de 9 estudantes por docente e á escasa diferenza porcentual coa media estatal, situada en 11. “A dispersión poboacional tería que facer que esta diferenza fose moito maior. Pero, unha vez máis, a realidade é teimuda e, mesmo estamos vendo que hai colexios rurais nos que non se autorizan agrupamentos de 14 estudantes do mesmo ciclo pero si de 17 de 1º, 2º e 3º de primaria por exemplo,”, explicou. Da análise da modificación realizada pola Xunta no verán do catálogo de postos de traballo de centros de infantil e primaria, a maiores do peche de 7 escolas, convértense postos de orientación a tempo completo en compartidos e noutros 6 centros elimínanse 2 e até 3 unidades.
Respecto das oposicións a CIG-Ensino salienta que tras a celebración do procedemento selectivo este verán “nin sequera se cubriron as xubilacións producidas o curso pasado”. Quedaron desertas o 33% das 1664 prazas convocadas, unha de cada tres, un dato moi relevante “que afonda na falta de estabilidade dos claustros e que demostra que o que predica a Consellaría é fume”, criticou Arroxo.
Tamén a cuestión retributiva é cada vez maior fonte de preocupación para o profesorado galego que non é alleo ao incremento do custe da vida e, sobre todo, do gasto en vivenda. Os desprazamentos e traslados que leva aparellada esta profesión fai que hoxe en día profesorado substituto teña que rexeitar un contrato docente por este motivo e o mesmo acontece con alguén contratado a media xornada, aínda que sexa durante todo o curso. Isto fai que tal e como están os salarios no sector privado, sobre todo en áreas sanitarias, informáticas ou tecnolóxicas haxa escaseza de persoal docente na FP pero mesmo tamén en especialidades tradicionalmente orientadas á docencia como as filoloxías clásicas ou galega ou as matemáticas”. O último acordo retributivo incluído no Acordo de Melloras, tal e como denunciou a CIG-Ensino, foi “ridículo”, beneficiando minimamente a quen tivera moita antigüidade ou ocupara postos na inspección, nos equipos directivos e nas asesorías técnicas. A CIG-Ensino esixirá, dentro desa negociación de melloras reais das condicións laborais, que se lle pague o verán ao persoal substituto, a igualdade retributiva do profesorado especialista de sectores singulares da FP co de Secundaria e unha suba para todo o profesorado por igual nos complementos autonómicos, todas estas competencias da Consellaría de Educación.
Rueda recorta onde xa non quedan dereitos e impón a censura educativa

Para o sindicato nacionalista a etapa de Rueda á fronte da Xunta está sendo peor aínda que a protagonizada por Feijóo tanto pola falta de talante negociador, como por seguir recortando en cada decisión que toma (a última hai unha semana cando se limita incluso que o profesorado poida coller unha licenza para formarse sen cobrar) sobre todo no que ten a ver coa atención á diversidade, así como por un uso fraudulento de fondos europeos e un intento de control e censura educativa que nin sequera se aplicou durante o fraguismo.
Entre os recortes máis salientábeis destaca a non convocatoria de prazas de atención preferente, é dicir, de especialistas de pedagoxía terapéutica e audición e linguaxe que teñen que estar de forma case continuada con alumnado con necesidades educativas especiais, a concesión destes especialistas baixo estrito control político e só para este alumnado pero non para aquel que teña outras problemáticas (dislexia, trastornos de linguaxe, TDAH, altas capacidades, alumnado migrante recén chegado...), a eliminación das licenzas formativas para preparar material didáctico para uso compartido por parte de todo o profesorado, o peche da Rede de Acompañamento e Orientación Persoal e Familiar de Galiza... Todo isto foi executado no último curso, ao igual que a introdución nas instrucións de desenvolvemento do curso de que a Programación Xeral Anual dos centros non poderá ser modificada agás previa autorización da inspección e que as actividades propostas respondan á “neutralidade ideolóxica”. “Á Consellaría moléstalle que nun centro educativo se fale de temas que forman parte dos currículos e que están de plena actualidade porque chocan coa ideoloxía do partido que goberna á Xunta, moléstalle que se participe no Correlingua para denunciar a desaparición do galego, que se poña unha bandeira de Palestina para visibilizar o xenocidio que está acontecendo en Gaza, que se traten os efectos das minas ou das celulosas no territorio... Non imos consentir, -engadiu Arroxo- que os centros de ensino se convirtan nunha extensión dos medios públicos galegos e instamos ao profesorado a continuar facendo o seu labor pedagóxico con liberdade e sen ataduras”.
O Plan de Igualdade, unha vergoña institucional
O Plan de Igualdade é outra das cuestións pendentes que ten a Consellaría co seu persoal e segue incumprindo flagrantemente a lei ao non aprobalo un ano despois de iniciada a súa negociación e levar xa un atraso considerábel nesta. Desde a CIG-Ensino critícase que malia todas as proclamas de que Educación vai reforzar a autoridade do profesorado creando oficinas-chiringuito “nas que imaxinamos que colocará asesores a dedo como é práctica habitual dentro da Consellaría paralela que creou nos distintos departamentos que a conforman”, esta medida, xunto coa aprobación do Protocolo de acoso, podería ser unha das que significarían unha protección real fronte a ameazas e problemáticas deste tipo que se producen no ámbito laboral. Mais, malia a presión da CIG porque se priorizara a súa negociación, de momento tampouco non se produciu ningún avance neste eido.
Asembleas en todos os centros do país e participación activa do profesorado no conflito
Unha vez anunciadas as mobilizacións para este mes a CIG-Ensino percorrerá os máis de 1000 centros educativos espallados polo territorio galego para contrastar co profesorado as reivindicacións que serán “mínimos esixibles” na negociación que a Consellaría ten que emprender para aprobar melloras reais que poidan estar en vigor xa desde o próximo curso. O sindicato nacionalista agarda que todas as persoas que, sobre todo no final do curso pasado, lle amosaron o seu fastío e enfado coas políticas da Consellaría convenzan tamén os seus compañeiros e compañeiras nos claustros de que a forza da mobilización reside na unidade de todo o colectivo docente. “O Acordo de Melloras foi precisamente un intento de dividir o profesorado galego, con algunhas, escasas, medidas aprobadas para infantil e primaria, deixando fóra a todas as demais ensinanzas e tamén estratificando o profesorado por categorías á hora de aplicar unha suba salarial. Tamén entre o profesorado de FP se produciu unha división ao aprobar un complemento salarial para o Profesorado Técnico de FP a extinguir e para o especialista non. A nosa prioridade é reforzar a unidade do profesorado, loitar por avances para todos os colectivos sen esquecer que tamén, e sobre todo, nos debemos á defensa do ensino público como garante da igualdade social, e que hoxe xa só representa o 70% do total nalgunhas etapas, unha tendencia que tamén ten que ver co abandono e o desprezo ao que está sometido pola Xunta. Non escatimaremos esforzos para mobilizar o profesorado e que socialicen a situación que está acontecendo nos centros coas familias, o alumnado e coa cidadanía en xeral porque do que pase nas aulas depende en gran medida o que pasa na sociedade e agora mesmo a situación de abandono, recortes, privatización e propaganda é insostíbel”, sentenciou.
Novas relacionadas