
A CIG Ensino considera un “despropósito” o nomeamento de Jesús Vázquez como conselleiro de Educación e Cultura
Alerta de que vai supor “unha grave involución” para a Cultura galega
Louzao lembra que se trata dun conselleiro que “foi rexeitado pola comunidade educativa pola súa nefasta xestión, polas súas agresións sistemáticas contra a nosa lingua, polos recortes que efectuou no ensino público e polos seus constantes ataques contra o profesorado”.
O secretario nacional de CIG-Ensino subliña que a súa cruzada contra o galego e contra o profesorado, o seu carácter ditatorial, a súa incapacidade para diálogo e, en consecuencia, a permanente imposición de medidas que tan negativamente afectaron ao ensino público, provocaron que a comunidade educativa, no seu conxunto, se mobilizara en innumerábeis ocasión e demandara o seu cese. “Iso é o que tería que ter feito Feijóo aproveitando esta remodelación de goberno, cesalo, porque demostrou a súa incapacidade para estar á fronte da consellaría de Educación”.
Para Louzao, se malia ter estes antecendentes estenden as súas competencias tamén a Cultura, isto só se pode entender se o que pretende Feijóo é que “continúe no seu roteiro de persecución agora non só contra o galego senón tamén contra a nosa cultura e os nosos sinais de identidade”.