A CIG-Ensino considera que o nomeamento de Vázquez como Conselleiro de Educación é unha mala nova para o sistema educativo galego

A CIG-Ensino esixirá un cambio rotundo, de 180º na política idiomática e educativa no ensino público galego

A CIG-Ensino considera que o nomeamento de Vázquez é unha mala nova para o sistema educativo galego e supón premiar coa continuidade á fronte da Consellaría a quen se caracterizou por desenvolver un mandato destrutivo para o ensino público e realizar unha persecución permanente do noso idioma. O Secretario Nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao, valorou que “o nomeamento de Vázquez como Conselleiro de Educación vén a amosar a desconsideración máis absoluta do Presidente da Xunta de Galiza co profesorado e coa comunidade educativa.”
Anxo Louzao declarou que “non deixa de ser un desprezo á comunidade educativa a renovación dun Conselleiro que o mesmo TSXG considera que actuou de maneira ilegal no que ten que ver co ensino en galego.” Anxo Louzao manifestou que “o nomeamento deste Conselleiro de Educación fai prever que continuará a conflitividade no ensino, a non ser que Vázquez estea disposto a rectificar a súa nefasta xestión, caracterizada pola destrución de emprego, o incremento das rateos, a redución da dotación necesaria para a atención á diversidade, en definitiva, o empeoramento do ensino público.” A renovación do nomeamento de Vázquez, valedor do ensino privado que reiteradamente tomou medidas en contra o ensino público, é apostar pola continuidade dun conselleiro que actúa en nome dos intereses do ensino privado concertado, os centros que segregan o alumnado por razón de xénero e os sectores máis antigalegos que procuran a desaparición do noso idioma como lingua do ensino. Anxo Louzao manifestou que “a CIG-Ensino esixirá un cambio rotundo, de 180º na política idiomática e educativa no ensino público galego”.

Volver