A CIG-Ensino considera inxustificábel que aínda non se reunise a comisión negociadora do Plan de Igualdade do profesorado

Tres meses despois do anuncio da Consellería a comisión negociadora nin tan sequera se constituíu

Logo dos atrasos inxustificados e das continuas demandas da CIG-Ensino, a Consellería incorporou á Mesa Sectorial do día 12 de marzo un punto na orde do día para poñer en marcha a negociación dun Plan de Igualdade para o persoal docente. O feito de que se incluíra a última hora e sen documentación asociada, xa facía sospeitar de que se trataba dun remendo por atoparnos nunha data próxima ao 8 de marzo.

Hoxe, 12 de xuño, tres meses despois, aínda non recibimos documentación nin convocatoria para a primeira reunión, o que vén a demostrar que se trataba dun anuncio baleiro. Constátase, unha vez máis, a pouca importancia que lle dá a administración educativa aos dereitos laborais e a igualdade efectiva entre homes e mulleres, tamén dentro dos centros educativos.

Nesa Mesa Sectorial de marzo chegárase ao acordo da composición da comisión negociadora, que respectaría a paridade entre Consellaría e sindicatos e, entre estes, da súa representación.  Incluso houbera un compromiso por parte das responsables da Consellería de que a primeira reunión da comisión negociadora sería na primeira semana de abril.

Ante a ausencia de convocatoria no mes de abril, a CIG-Ensino, na Mesa Sectorial do 8 de maio, denunciou o retraso da reunión de constitución da comisión e instou á Consellería a trasladar de xeito urxente un calendario de negociación do Plan de Igualdade para poñer a andar dunha vez a negociación do plan. A resposta foi que na semana seguinte se enviaría o borrador do regulamento de funcionamento da comisión ás organizacións sindicais para a súa valoración e que na semana do 20 de maio se nos convocaría. A día de hoxe seguimos á espera.

O Plan de Igualdade deberá negociarse e elaborarse no prazo dun ano unha vez constituída formalmente a comisión e esta inxustificada demora fará que a súa posta en marcha efectiva dificilmente poida ser no curso 25-26. A Consellería de Educación é consciente e pretende retrasar ao máximo a aplicación das medidas que vaian supoñer un avance en dereitos de conciliación e corresponsabilidade, formación, promoción e retributivos. A demora implica tamén retrasar a existencia dun protocolo fronte os diferentes tipos de acoso que pode sufrir o profesorado nos centros. Esta actitude prexudica especialmente ás mulleres, xa que son elas as que padecen en maior medida o acoso e as discriminacións que o Plan de Igualdade debera corrixir.

 A CIG-Ensino denuncia este intolerábel desprezo que a administración educativa amosa cara as súas traballadoras e traballadores e a reiteración no incumprimento das súas obrigas en materia de igualdade e vén de presentar por rexistro a solicitude de que proceda de xeito inmediato ao envío de documentación e convocatoria de constitución da comisión negociadora do I Plan de Igualdade para o persoal docente ás organizacións sindicais que faremos parte dela.

Volver