A CIG-Ensino considera inaceptábel as instrucións sobre a supresión da gratuidade dos libros de texto ditadas pola Consellaría o venres a última hora da mañá

Eliminación da Gratuidade dos libros de texto

Da mesma maneira, e continuando coas prácticas habituais, serán as direccións dos centros as que recollan o traballo nado nas improvisacións da Consellaría, posto que serán elas as que en setembro recollan as peticións de axuda por parte das nais e pais do alumnado, non sabendo cando as nais e pais do alumnado recibirán os cartos de ditas axudas.
A CIG-Ensino considera inaceptábel as instrucións sobre a supresión da gratuidade dos libros de texto ditadas pola consellaría o venres a última hora da mañá
 
A CIG-Ensino considera inaceptábel a supresión da gratuidade universal dos libros de texto, e ve como preocupante a práctica, xa habitual, de ditar instrucións, variar convocatorias..., a última hora da mañá do venres.
Estas instrucións foron ditadas polo Director Xeral de Centros e Recursos Humanos, José Manuel Pinal Rodríguez.
Da mesma maneira, e continuando coas prácticas habituais, serán as direccións dos centros as que recollan o traballo nado nas improvisacións da Consellaría, posto que serán elas as que en setembro recollan as peticións de axuda por parte das nais e pais do alumnado, non sabendo cando as nais e pais do alumnado recibirán os cartos de ditas axudas.
É tal a improvisación que na mesma circular chégase a dicir que a Consellería implantará un sistema de tramitación do que se informará en canto se ultimen os detalles.
A nova medida comezará nos dous próximos cursos para 1º, 2º, 5º e 6º de Primaria e Educación Especial. No curso 2011-12 sumaranse 1º e 3º da ESO, para pasar a cubrir todos os niveis a partir do curso 2012-13.
Polo tanto o programa actual de gratuidade irá desaparecendo paulatinamente durante a implantación do novo sistema.
Esta proposta de recorte, xunto con outras que a Consellaría de Educación está levando adiante, nestes primeiros meses do seu mandato, supón unha medida regresiva que atenta ao carácter público e gratuíto do ensino, e evidencia unha vez máis a política neglixente que este goberno está a levar a cabo.
O ensino, entendido como un servizo público, debe garantir a cobertura universal da gratuidade dos libros de texto en todos os niveis, e, sobre todo, no que se refire ao ensino obrigatorio. Esta medida non pode ser a resposta do goberno aos problemas económicos da actual situación, tal e como argumentou o conselleiro. De feito, nun contexto económico precario, o goberno debe manter a gratuidade dos libros de texto para favorecer a economía das familias, e non usar a crise como pretexto para artellar discrecionalmente calquera tipo de política, mesmo aquelas que supoñen un ataque frontal ás garantías fundamentais polas que o goberno debe velar. Esta política supón un paso atrás no plano educativo e mesmo social, e é unha proba máis de que o actual goberno está a botar por terra todas as políticas e avances que ata o de agora se tiñan conseguido.

Instrucións da Consellaría: Ligazón

Volver