A CIG-ENSINO CONSIDERA ILEXITIMOS E FRAUDULENTOS OS RESULTADOS PRESENTADOS POLA CONSELLARÍA DE EDUCACIÓN

Enquisa ilexítima

A CIG-Ensino volve manifestar que estamos ante un resultado ilexítimo e que continuaremos esixindo o mantemento do Decreto 124/2007 e por tanto unha presenza mínima do 50% da nosa lingua no ensino, que o galego siga sendo a lingua da Administración Educativa Galega, como única vía posíbel para garantir o avance na normalización do noso idioma e salvagardar os dereitos lingüísticos do alumnado galego e dar cumprimento á Carta Europea das Linguas e o Plano Xeral de Normalización. Por este motivo a CIG forma parte da plataforma Queremos galego e participará nas iniciativas que desde ela se emprendan, nomeadamente a Iniciativa Lexislativa Popular e as mobilizacións previstas para o outono, encamiñadas a paralizar as agresións contra o noso idioma e garantir o uso do noso idioma por parte da Administración e a impartición mínima dun 50% da carga horaria no ensino.
A CIG-ENSINO CONSIDERA ILEXITIMOS E FRAUDULENTOS OS RESULTADOS 
PRESENTADOS POLA CONSELLARÍA DE EDUCACIÓN
 
Hoxe, día 31 de xullo, O Secretario Nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao, compareceu ante os medios de comunicación para dar conta da valoración da CIG-Ensino dos resultados da enquisa elaborada pola Consellaría de Educación para reducir a presencia do galego no ensino. 
O secretario Nacional afirmou que, tal e como xa tiña denunciado a CIG-Ensino, os resultados que acaba de presentar a Conselleria de Educación, da Enquisa-trampa do mes de xuño de 2009 é a culminación dun proceso ilexítimo e fraudulento. Pensado exclusivamente para xustificar unha política lingüística de agresión  contra o noso idioma para reducir a súa presenza no ensino. Esta enquisa enmarcase no odio que o actual goberno está amosando contra todo o que nos é propio e que nos identifica como galegos, do cal o idioma é a peza angular. O fin último é exterminar o galego. De aí que sexan continuas as mediadas contra o noso idioma, entre as cales está a pretensión de derrogar o decreto de uso e promoción do galego no ensino, que estabelece a impartición do 50% na nosa lingua.  Estamos ante os datos que a Consellaría preparou desde o momento e que preveu  realizar a enquisa, pensada e preparada para reducir a presenza do noso idioma no ensino.
A CIG-Ensino denunciou este proceso desde o seu inicio, pois desde o primeiro momento quedou clara a tendenciosidade da Consellaría de Educación ao sacarse da manga esta consulta aos pais, completamente improcedente, pois o Decreto aínda en vigor conta con todos os avais legais e co máximo consenso posíbel: é un Decreto que emana do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega aprobado por unanimidade do Parlamento Galego, o lexítimo representante do pobo, no ano 2004 e contou co aval positivo de todas as instancias educativas, incluídos os representantes dos pais e nais, elixidos democraticamente e, por tanto, representativos de todos os pais e nais galegos con fillos en idade de escolarización.
Como xa denunciamos desde  a CIG, esta enquisa foi preparada para obter este resultado: por un lado impedía que os pais ou nais puidesen posicionarse a prol dun ensino en galego ou maioritariamente en galego, (só se preguntaba por materias troncais) polo que o máximo que se podía consignar era a metade das materias en galego; por outro introducíase a equívoca cuestión sobre o ensino en inglés, de maneira que o resultado fose a redución de número de horas en galego para dar cabida á disposición favorábel dos pais ao ensino dun determinado número de materias en inglés. Ambas as medidas coincidían así con algo xa anunciado por Educación antes de presentada a enquisa: un “Decreto trilingüe” no que o noso idioma tería unha menor presenza no ensino, e así contentar a un reducido número de persoas e aos sectores máis reaccionarios  e antigalegos da sociedade, camiñando cara a un ensino elitista que ve no uso do inglés como lingua vehicular unha modernización que na realidade pode dar lugar a un maior fracaso escolar e que e impide o dun sistema educativo de equidade e calidade. O reforzo do ensino do  idioma estranxeiro pasa pola redución do alumnado por aula  e non por dificultar a compresión e estudo doutras materias porque se vehiculizan noutro idioma. 
A Consellaría fala dunha participación do 56 % dos pais e nais,
Estamos ante unhas porcentaxes de participación enganosas, debido a que a participación dos centros concertados foi, aproximadamente dun 90%, o que fai que, ao dar os dados xerais, resulten distorsionados. Centros, por certo, que destacan polo incumprimento da normativa do uso do galego no ensino e porque moitos deles son seguidores da doutrina de galicia bilingüe. A participación nos centros públicos, nomeadamente nos centros de Secundaria, foi moito menor o que pon tamén en entredito os resultados da enquisa. Na práctica serán os centros concertados os  que decidan sobre a presenza do noso idioma no ensino público.
Esta consulta non só botou por terra o consenso acadado no seu día, senón que a súa realización estivo inzada de incidencias: prohibíuselle ao profesorado o exercicio dos dereitos fundamentais, coa intención de que os pais non coñecesen o verdadeiro alcance da consulta, sobrecargou de traballo os centros educativos xusto no final de curso, non cumpriu ningún mecanismo de control democrático, non reuniu as garantías de participación de todos os pais e nais ou non cumpriu os prazos estipulados para a súa publicación. Incidencias que se completaron co feito de ser manipuladas as enquisas por unha empresa privada, sen ningún tipo de control público, para mellor acadar unha xustificación tramposa para consumar unha agresión ao noso idioma, que ten por obxecto seu exterminio.  Vulnerouse a Lei de Protección de Datos, os dereitos fundamentais e a Lei de Procedemento Administrativo, o que levou a que tivéramos que xudicializar todo este proceso,
O Conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, e o goberno de Núñez Feijoo minusvaloran e desprezan o noso idioma, para consumar a súa planificada agresión, esquecen as súas declaracións de austeridade económica e non dubidan e despilfarrar diñeiro público para derrogar unha norma lexítima, democrática e avalada polo maior consenso que nunca houbo ao redor do noso idioma. 
A CIG-Ensino volve manifestar que estamos ante un resultado ilexítimo e que continuaremos  esixindo  o mantemento do Decreto 124/2007 e por tanto unha presenza mínima do 50% da nosa lingua no ensino, que o galego siga sendo a lingua da Administración Educativa Galega, como única vía posíbel para garantir o avance na normalización do noso idioma e salvagardar os dereitos lingüísticos do alumnado galego e dar cumprimento á Carta Europea das Linguas e o Plano Xeral de Normalización. Por este motivo a CIG forma parte da plataforma Queremos galego e participará nas iniciativas que desde ela se emprendan, nomeadamente a Iniciativa Lexislativa Popular e as mobilizacións previstas para o outono,  encamiñadas a paralizar as agresións contra o noso idioma e garantir o uso do noso idioma por parte da Administración e a impartición mínima dun 50% da carga horaria no ensino.

Volver