A CIG-Ensino congratúlase da eliminación dos nomes franquistas na denominación de dous centros educativos esta semana

O CEIP Sanjurjo de Carricarte da Coruña e o CEIP Condesa Fenosa do Barco mudan os seus nomes polo de CEIP Torre de Hércules e CEIP Francisco Pérez Lemos

A CIG-Ensino comezou hai meses unha campaña para mudar a denominación dos centros escolares que aínda manteñen viva a honra a persoeiros vinculados coa ditadura.

Esta semana é noticia positiva a eliminación de dous destes nomes de centros escolares relacionados, por diferentes motivos, co franquismo.

Un dos centros, no barrio coruñés de Monte Alto, deixará o nome do alcalde franquista Sanjurjo de Carricarte e pasará a denominarse Torre de Hércules.

O outro centro que muda o nome é o Condesa Fenosa do Barco de Valdeorras, que renderá homenaxe a quen foi director do colexio durante vinte anos.

Actualización importante: A CIG-Ensino mostra a total repulsa á decisión do pleno do concello do Barco de Valdeorras por non asumir a opinión unánime do consello escolar do centro no cambio do nome. Non se entende o porqué, o pleno da corporación municipal decidiu non facer o cambio de denominación do centro para anunciar que realizará un estudo en profundidade e contactará coa Fundación Pedro Barrié de la Maza Conde de Fenosa. Desde o sindicato criticamos esta decisión e agardamos que se solventen todos os atrancos canto antes.

Son aínda moitos os centros escolares que manteñen viva a vergoña de homenaxear a quen foron protagonistas ou colaboradores do réxime franquista. A Xunta non tomou ningunha iniciativa ao respecto e xa vai sendo hora de facelo, por dignidade e memoria democrática.

CIG

Desde a CIG-Ensino seguiremos a traballar para que as diferentes administracións públicas eliminen dos nomes dos centros escolares as referencias a persoas cun pasado fascista e que se significaron claramente coa represión da ditadura e o apoio ao réxime franquista.

 

Volver