A CIG-Ensino concéntrase para denunciar o estado dos centros educativos galegos

Hoxe, mércores 18 de marzo, a CIG-Ensino concentrouse ante a Dirección Territorial da Consellaría de Educación da Coruña para denunciar o lamentable estado dos centros de ensino do País e nomeadamente os da provincia

Ante a situación límite que atravesan numerosísimos centros de ensino público en Galiza CIG-Ensino manifestouse diante da Dirección Territorial da Consellaría de Educación na Coruña posto que neste provincia é destacábel o número de centros con deficiencias, situación que xa foi levada á Xunta de Persoal da provincia por parte da CIG-Ensino, sen que se tomasen medidas, máis alá de anunciar plans que nunca se levan a cabo.

As carencias son tan numerosas e a mobilización da comunidade educativa está sendo tan notable que se fai aínda máis vergoñenta a resposta da Administración, que non só amosa a súa desidia senón que por riba transmite, por boca do propio Conselleiro de Educación que estamos ante unha situación de "normalidade", normalidade como a do CIFP Manuel Antonio, onde o profesorado chegou a realizar concentracións e paros na súa xornada laboral.

Esta “normalidade” é, na realidade, un escenario de deterioro estrutural e abandono que afecta directamente ao día a día de milleiros de alumnos, alumnas e docentes.

As pingueiras, as instalacións eléctricas obsoletas, deficientes e perigosas, os espazos sen uso por graves problemas estruturais, os problemas de accesibilidade, os sistemas de calefacción obsoletos, a falta de illamento térmico... son as condicións precarias en que o profesorado de moitísimos centros de ensino galegos vese obrigado a ‘traballar’ a diario e son tamén as condicións en que o alumnado ten que recibir unha educación que dista moito de ser de calidade, como tanto lle gusta presumir ao Conselleiro de Educación.

Desde a CIG-Ensino esiximos á Xunta que adique de xeito inmediato o investimento preciso para solucionar as deficiencias estruturais máis urxentes que afectan á seguridade e saúde e que sexa transparente co calendario das obras pendentes xa que os centros ven con indefensión, ademais, a inexistencia de criterios por parte da Administración educativa á hora de adxudicar a prioridade nas actuacións de reparación e mellora.

É necesario un incremento de orzamento para o mantemento de edificios que superan en moitos casos os 40 anos de antigüidade.

Esta mobilización súmase a folga anunciada para o día 28 de abril nas que a CIG-Ensino segue a solicitar reunirse coa Consellaría para negociar unhas melloras reais no sistema educativo galego.

Vergoñento nomeamento do novo Director Territorial de Educación en A Coruña

A Consellaría vén de nomear ao novo Director Territorial de educación en A Coruña e o a persoal escollida non pode definir mellor o tratamento que lle está dando o goberno do Partido Popular ao ensino galego, nomea para o cargo a unha persoa que non ten relación algunha co ensino, pero se iso non era suficiente, o novo Director TerritorialJosé Santiago Freire Abeijón, foi investigado polo Fiscalía do Tribunal de contas e o propio presidente da Xunta, Rueda, chegou a dicir que algún dos gastos investigados polo tribunal chamaban a atención.

Ademais o novo Director Territorial é coñecido pola súa "neutralidade ideolóxica" cara o franquismo e contra as mulleres, e esta a neutralidade ideolóxica que defende o Partido Popular?

Desde a CIG-Ensino esiximos que se cese inmediatamente ao Xefe Territorial e se nomee a unha persoa adecuada para o cargo

Volver