A CIG-Ensino comeza unha campaña de recollida de sinaturas nos centros de educación infantil para paralizar a sinatura do convenio estatal do sector de 0 a 3 anos

A intención desta campaña é paralizar a sinatura do convenio prevista para o vindeiro 22 de maio entre a patronal e tres organizacións sindicais estatais

Así mesmo, a campaña tamén pretende forzar a negociación dun convenio galego que mellore o estatal e dignifique as condicións laborais e salariais do sector.

A CIG-Ensino acaba de comezar unha campaña de recollida de sinaturas entre as traballadoras do sector de infantil de 0 a 3 anos de Galiza para conseguir paralizar a sinatura do convenio estatal que se está a negociar en Madrid e ao que se chegou un acordo entre a patronal e dúas organizacións estatais. No documento recóllese a denuncia da precariedade que sofre este colectivo de traballadoras coa aplicación do actual convenio e que o texto do acordo que se prevé asinar o vindeiro 22 de maio non supón ningunha mellora substancial nas condicións de traballo nos centros de educación infantil privados ou xestionados por empresas concesionarias dos servizos municipais existentes no país. Neste sentido, vén de promover entre as súas delegadas que lle fagan chegar o documento das sinaturas a moitas traballadoras que aínda descoñezan o alcance do que vai significar este acordo para as súas condicións laborais e salariais.

Denuncian que este novo convenio inclúe discriminacións entre as distintas categorías profesionais, que vai redundar nunha merma na calidade do servizo e que están dispostas á convocatoria de mobilizacións, incluída a folga, para conseguir unha nova negociación máis xusta.

A CIG-Ensino faralle entrega das sinaturas recollidas á patronal despois dunha concentración prevista para o día 21 de maio, así como nalgunha das mesas técnicas que se van celebrar antes da sinatura o próximo 22.

Volver