A CIG-Ensino chega a acordo coa USC para o pagamento da cota patronal ao persoal contratado con cargo aos programas Margarita Salas e María Zambrano

Pola súa parte a UVigo comunicou como se aboarán as cantidades pendentes

O acordo recolle a todo o persoal, teña ou non neste momento relación contractual coa USC.

Unha vez coñecida a sentenza do Tribunal Supremo 892/2025 dando a razón á CIG-Ensino en canto ao pago das cotas patronais do persoal contratado mediante os programas Margarita Salas e María Zambrano por parte da USC o sindicato púxose en contacto coa reitoría para tentar chegar a un acordo, por outro lado presentou denuncias ante as inspeccións de traballo para a actualización das bases de cotización deste persoal.

En reunión mantida a semana pasada co reitor e xerente da USC a CIG-Ensino logra que a Universidade asuma o pago das cantidades adebedadas, unha vez conte coa autorización da Xunta de Galiza por cuestións legais.

A forma de pago quedou acordada en tres prazos para todo o persoal, dous no ano 2026 e un último en xaneiro do 2027. No que se refire á débeda dos xuros continúan abertas as negociacións cara o seu pago, non sendo, neste momento este tema, un impedimento por parte da USC para o acordo.

A sentenza da Universidade de Vigo era anterior e non tiñamos acordo sobre a forma de pago, pero posteriormente á reunión coa USC a UVigo convocou ao sindicato a unha reunión na que comunicou que ía pagar sen necesidade de que cada persoa afectada acudise de novo ao xulgado con reclamacións individuais tal e como se estaba a facer ante a falta de resposta.

Desde a CIG-Ensino aledámonos de que as tres universidades galegas, dunha forma ou outra, poñan fin a ao conflito colectivo gañado polo sindicato e paguen as cantidades adebedadas ao persoal dos citados programas.

Volver