A CIG Ensino chama o profesorado galego a participar na manifestación de mañá, 17 de maio

Reivindicamos o dereito a vivirmos en galego día a día

Mañá, 17 de maio, a manifestación de Queremos Galego será un acto festivo e reivindicativo a favor da lingua galega. Participarán centos de colectivos e entidades de ámbitos moi diversos que teñen en común a defensa da nosa lingua porque o galego é  o elemento que nos une.

Este ano a manifestación xirará arrredor do lema En galego día a día, co que se pretende recoñecer as persoas que empregan a nosa lingua a diario aínda que nalgúns contextos teñan que facer un esforzo inxente para poder usala. 

O galego é o único idioma oficial do Estado que diminúe en falantes e que carece de apoio da súa propia administración.

En Galiza nin se aplica nin se aproba ningunha lexislación a favor do galego, mais si se aplican as máis de 500 disposicións legais que obrigan ao uso do español en diferentes ámbitos. 

Existe unha sociedade que actúa día a día para repor e normalizar a lingua galega, a través de centos de colectivos e entidades e en ámbitos moi diversos e que estarán representados como todos os anos no acto final da manifestación.

No ensino o galego ten a mesma presenza, apenas un 30%, que unha lingua estranxeira."

Recordamos que o galego apenas conta co 33% de presenza horaria no ensino obrigatorio fronte ao 75% do que goza o catalán, aínda nestes intres con sentenzas contrarias ao seu fomento.

No caso do ensino infantil, por exemplo, os materiais didácticos editados en galego son inferiores aos existentes en inglés.  

Á vista desta situación de perda de falantes e de acoso e derribo por parte da administración instamos á Xunta a aplicar o Plan Xeral de normalización lingüística aprobado por unanimidade polo Parlamento galego e a deixar as accións que son mera propaganda.

Por todo o anterior, e porque somos galegas, animamos ao profesorado galego a participar na manifestación de mañá 17 de maio.

En galego día a día!

Volver