A CIG-Ensino chama ao profesorado a participar masivamente no referendo convocado para o día 25 de outubro

Anxo Louzao considera que así se desmentirá ao conselleiro cando afirma que a maioría do profesorado está de acordo coa súa política educativa

A CIG-Ensino comparecía esta mañá en rolda de prensa, xunto coa UGT, para anunciar a convocatoria do referendo que terá lugar o vindeiro 25 de outubro. Anxo Louzao asegura que o profesorado ten así a oportunidade de manifestar a súa opinión respecto da política educativa imposta pola consellaría de Educación e de desmentir as afirmacións do conselleiro que, alén de minimizar todas as mobilizacións convocadas até o de agora -secundadas de forma maioritaria-, asegurou que a maioría dos docentes estaban a favor das súas políticas.

Louzao lamentou que o conselleiro de Educación siga “instalado na mentira e na manipulación da opinión pública” e denunciou as políticas neoliberais que se están a aplicar no ensino público, que van dirixidas a provocar o seu progresivo deterioro para xustificar, ao final, o seu desmantelamento.

O secretario nacional de CIG-Ensino lembrou que aos recortes aplicados até o de agora, hai que engadir os 23 millóns de euros nos que se reduce a partida de persoal, incluída no Capítulo I dos Orzamentos da Xunta de Galiza para 2011, que van provocar unha diminución, para o vindeiro ano, de outros 600 profesores/as máis. 

“É unha tendencia continua. Se aos recortes de profesorado deste ano, se lles suman os do ano pasado e os que se prevén para o ano que vén, estamos a falar, en síntese, de preto de 2.000 profesores menos”, explicou. 

As consecuencias, dixo, xa se están sentindo na Educación Permanente de Adultos, que é incapaz de dar prazas abondo para cubrir toda a demanda que hai; os alumnos de bacharelato non poden acceder ás optativas que precisan para a titulación universitaria á que desexan acceder; as necesidades educativas especiais están infradotadas, hai profesorado que dá clases dun corpo sendo doutro e funcionarios de carreira que non teñen praza e imparten unha materia que non é a súa.

Referendo

Por iso, considera que o referendo será unha oportunidade para o profesorado manifestar o seu malestar e para dar directamente a súa opinión sobre estes aspectos. “As preguntas sintetizan as agresións que estamos a padecer como docentes e os ataques ao ensino público”, sinalou, e refírense aos recortes no ensino público, ao incremento do horario lectivo, a incluír como función do profesorado a función de custodia do alumnado transportado e respecto de se estas medidas favorecen a calidade do ensino público.

O horario orientativo previsto para as votacións é das 10:00 ás 13:00 horas e das 18:00 ás 20:00 horas, co obxectivo de evitar interferir no normal funcionamento das clases. Está prevista a constitución dunha mesa, en cada centro, con 3 membros,  e o levantamento dunha acta.

A CIG-Ensino xa celebrou máis de 1.000 asembleas nos centros cun elevado índice de participación o que é, para o secretario nacional de CIG-Ensino “indicativo de que o profesorado está en contra destas medidas e que participará de forma moi maioritaria no referendo”.

Toda a información do referendo na seguinte Ligazón

Volver