A CIG-Ensino chama ao profesorado a participar na manifestación deste domingo e a sumarse o día 15 aos paros laborais por Palestina

O sindicato nacionalista mantén a unidade de acción cos máis de 130 colectivos que conforman a Coordinadora Galega de Soliedaridade con Palestina

Despois do éxito das concentracións en varias vilas galegas denunciando o recente ataque á flotilla que pretendía abrir un corredor humanitario en Gaza e subministrar axuda á poboación civil, a seguinte convocatoria é este domingo. Ás 12 da mañá arrancará da Alameda de Compostela unha gran manifestación nacional baixo o lema “Galiza Con Palestina. 2 anos de xenocidio, 77 anos de ocupación”, coincidindo co segundo aniversario da barbarie xenocida de Israel na Faixa de Gaza. A maiores, a CIG ten convocada unha xornada de loita o 15 de outubro con paros laborais de catro horas por quenda e concentracións nas principais vilas e cidades galegas.

A barbarie do que está acontecendo en Palestina, nomeadamente na Faixa de Gaza, a mans do goberno sionista de Israel non para de deixar mortes, mutilacións, destrución e desprazamentos, alén dos últimos acontecementos a respecto do ataque á Global Sumud Flotilla e do boicot continuo á chegada de axuda internacional. A CIG leva desde outubro de 2023 denunciando o que desde o primeiro momento foi un plan de exterminio planificado do pobo palestino, primeiro en Gaza pero co tempo tamén se demostrou que o hostigamento se estendía a Cisxordania. Foron máis de 1000 as accións, nomeadamente concentracións, realizadas durante este tempo baixo o paraugas da Coordinadora Galega de Soliedaridade con Palestina da que forman parte, entre outras, a Asociación Galaico-Árabe Jenin, Galiza por Palestina e Mar de Lumes, entidades moi significadas na defensa dos dereitos do pobo palestino. 

A resposta da sociedade galega foi combativa e exemplar durante estes dous anos de xenocidio perpetrado polo goberno sionista de Israel. Onte, como non podía ser doutro xeito, as concentracións convocadas polo Movemento Global para Gaza de Galiza tras o ataque que vén de sufrir a flotilla por parte do goberno israelí convertéronse en improvisadas manifestacións nalgunhas vilas e cidades galegas. O rexeitamento á violación constante dos dereitos humanos perpetrada por Israel e a tibia reacción da comunidade internacional foi un clamor por parte das persoas asistentes.

Manifestación nacional este domingo

A afluencia este domingo á manifestación convocada en Compostela agárdase que sexa outra mostra máis de denuncia ao mesmo nivel das accións militares que Israel desenvolve desde o 7 de outubro de 2023 na Faixa de Gaza e dos crimes de 77 anos de ocupación, como se recolle nas reivindicacións incluídas polas entidades convocantes. Neste sentido, exíxese tamén “un cesar fogo inmediato que implique a retirada de tropas israelitas e a apertura de corredores humanitarios, así como unha investigación exhaustiva do xenocidio e dos crimes contra a humanidade cometidos por Israel”.

As reivindicacións reclaman tamén á Unión Europea, ao Goberno español e á Xunta de Galiza a ruptura das relacións comerciais preferentes con Israel e a das relacións diplomáticas. A este respecto, representantes da Coordinadora Galega repudiaron o “feito de que, tras dous anos de xenocidio, as lideranzas europeas só recentemente comezasen a rexeitar a inhumanidade de Israel de maneira tan morna e aínda sen efectos prácticos.”

Por último, exíxese a aplicación do dereito internacional, en particular en relación ao dereito de autodeterminación dos pobos en toda a Palestina histórica e ao retorno das persoas refuxiadas. “Urxe parar o xenocidio, mais tamén impedir que Israel poida continuar a roubar terras, desprazar poboación local, aplicar estruturas sociais de apartheid e acosar todo un pobo”, en palabras de Sami Ashour, que chamou a participar na manifestación nacional e a encher a praza do Obradoiro o vindeiro 5 de outubro en apoio a Palestina, porque “é unha cuestión de humanidade”.

Xornada de loita o 15 de outubro con paros laborais e concentracións

A CIG, como sindicato de clase que acredita na solidariedade internacionalista, e coa responsabilidade que conleva ser a primeira forza sindical en Galiza, convoca unha xornada de loita baixo o lema “Tamén no traballo paremos o xenocidio” para o vindeiro 15 de outubro co obxectivo de continuar aglutinando unha resposta social contundente, ao nivel que exixe a gravidade da masacre en Gaza e a destrución do pobo palestino.

A convocatoria da CIG abrangue a todo o persoal de todos os centros de traballo públicos e privados situados en Galiza e consiste nun paro de catro horas por quenda laboral, nas seguintes franxas horarias:

  • Das 22:00 horas do día 14 de outubro ás 02:00 horas do día 15, na quenda de noite.
  • Das 10:00 horas ás 14:00 horas, na quenda de mañá.
  • Das 18:00 horas ás 22:00 horas, na quenda de tarde.

Para visibilizar o rexeitamento da clase traballadora ao xenocidio, a CIG tamén chama a concentrarse ese mesmo día pola mañá diante dos centros de traballo e a mobilizarse nas vilas e cidades a partir as 19.30 horas.

Tamén no ensino paremos o xenocidio!

Emulando o lema escollido pola confederación "Tamén no traballo paremos o xenocidio", a federación de Ensino chama a toda a comunidade educativa, profesorado, alumnado e familias a participar activamente nesta xornada de loita, así como a asistir masivamente á manifestación deste domingo. O profesorado galego leva amosando nos últimos dous anos o seu compromiso e implicación por visibilizar o horror que se estaba a vivir en Gaza a través de múltiples accións nos centros educativos nas que a concienciación do alumnado e, por extensión, do resto da sociedade forma parte da nosa responsabilidade de educar para a paz.

Así pois, e ante a situación insostíbel desde o punto de vista humanitario que se padece en Gaza nos últimos tempos, nos que se bombardearon hospitais, se asasina a persoas cando están recollendo axuda humanitaria ou se mata de fame literalmente á poboación gazatí mediante o boicot da chegada de alimentos, medicación ou insumos básicos, a federación de Ensino anima ao profesorado a responder contundentemente sumándose aos paros laborais nas quendas de mañá e de tarde e a acudir ás concentracións que se convoquen, ademais de tratar ese día conxuntamente co alumnado este tema nos centros de ensino mediante as accións que considere oportunas (lecturas de manifestos, concentracións, debate sobre o que está acontecendo estes días...)

Lembra tamén a importancia de visibilizar todas e cada unha das iniciativas que se leven a cabo para conseguir o efecto multiplicador tanto dentro do propio centro con información e cartelaría como mediante o uso de medios dixitais (páxina web dos centros, redes sociais tanto individuais coma dos centros...) A CIG-Ensino facilitou recentemente unha imaxe que se pode empregar para denunciar este xenocidio e a impasibilidade da comunidade internacional. Como docentes que somos non podemos calar ante un xenocidio e a impunidade coa que están actuando os seus perpetradores. 

Volver