A CIG-Ensino chama ao profesorado a esixir liberdade, xustiza e igualdade para o galego nas mobilizacións do 17 de maio

De momento hai dez mobilizacións convocadas por todo o País para reivindicar os tres principios democráticos: liberdade, igualdade e xustiza á hora de vivirmos en galego.

A CIG-Ensino chama á comunidade educativa a involucrarse nunha mobilización contundente o vindeiro 17 de maio no ano no que se cumpre o 10º aniversario da publicación do Decreto de Plurilingüismo que relegou o noso idioma dentro do ensino como nunca antes desde a aprobación da Lei de Normalización Lingüística.

Cun retroceso claro no número de falantes -o 22,7% das persoas de 4 a 15 anos non saben falar galego- a situación da nosa lingua é crítica e o desprestixio ao que a ten sometida o goberno Feijóo precisa dunha denuncia clara por parte da sociedade galega. Por iso, a central maioritaria no ensino público en Galiza anima ao profesorado a participar nalgunha das mobilizacións convocadas ao longo de todo o país para reclamar o dereito de todos os galegos e galegas a coñecer e a empregar con normalidade o noso idioma.

Cartaz e manifesto

Este ano a imaxe do cartaz foi deseñada polo humorista gráfico Luis Davila e nel aparece recollido o lema desta edición: Máis que nunca... Queremos Galego! Liberdade, xustiza e igualdade para o galego. Así mesmo, o manifesto elaborado para a súa difusión durante estes días fai referencia á reivindicación dos principios democráticos básicos para poder vivir con normalidade na nosa lingua e denunciando os límites legais que existen para o seu uso normalizado. Precisamente son os ámbitos da xustiza, a administración xeral, a sanidade, o ensino e os medios de comunicación onde a sociedade galega ve máis restrinxidos os seus dereitos lingüísticos, que como recorda o manifesto, "son dereitos humanos". Na maior parte destes contextos houbo un retroceso na protección, defensa e promoción do noso idioma, como se pode ver na redución da programación infantil en galego, na recente sentenza do Tribunal Supremo contra a ordenanza de normalización lingüística do Concello de Lugo ou na prohibición de impartir as materias científicas na nosa lingua, por citar só tres exemplos recentes.

Mapa de mobilizacións

De momento hai 10 mobilizacións convocadas en distintos puntos da xeografía galega para o 17 de maio que se irán actualizando na páxina da plataforma Queremos galego.

A Coruña
Praza de Galiza ás 12:00h

Santiago de Compostela
Alameda ás 12:00h

Ferrol
Praza de Armas ás 12:00h

Carballo
Praza do concello ás 12:00h

Lugo
Praza Maior ás 12:00h

Burela
Praza da Mariña ás 12:00h

Ourense
Praza do Ferro ás 12:00h

Pontevedra
Praza da Peregrina ás 12:00h

Vigo
Manifestación ás 12:00h. Saída cruzamento da Vía Norte coa Rúa Urzáiz.

A Estrada
Praza do mercado ás 12:00h

Volver