A CIG-Ensino chama a unir todas as demandas de todas etapas educativas na manifestación de mañá ás 12 en Santiago para que a Consellaría rectifique

O sindicato maioritario xa anunciou un curso convulso cargado de mobilizacións e folgas se a Consellaría non baixa ratios, dota de persoal aos centros, elimina burocracia e recupera o horario perdido polo profesorado.

O curso arrancou con numerosas incidencias en todas as etapa educativas. En apenas cinco días afloraron centos de protestas en centros de educación infantil e primaria fundamentalmente pola falta de profesorado. En Secundaria e Bacharelato repítese a mesma sobrecarga de traballo e de ratios avultadas por cada docente despois de moitos anos de recorte dos cupos docentes e en FP o caos da implantación da reforma fixo inviábel empezar as clases estes primeiros días, con erros na aplicación Proens, módulos novos sen currículos nin recursos didácticos, goteo de novas matrículas até o día 26 e a imposibilidade de adaptar á realidade a planificación da formación en empresa.

Os locais e teléfonos da CIG-Ensino esta semana foron un auténtico fervedoiro de profesorado que, ademais das consultas habituais nestes días sobre a atribución de grupos, materias, módulos e horarios, se queixaron pola falta de persoal, a non autorización de desdobres, a burocracia infinita deste inicio de curso (con até 5 informes diferentes para pedir especialistas en atención á diversidade) e novas realidades como as condicións laborais das medias xornadas e as itinerancias, que se viron incrementadas de forma ostensíbel nos nomeamentos realizados estes días.

 

En Secundaria, Bacharelato e FP, despois da amortización de xubilacións e de que moitas vacantes saíran con unha ou dúas afíns na adxudicación de destinos provisionais, o problema foi apurar para dar inicio ás clases o día 8 cunha organización medianamente funcional. Na Formación Profesional, pola contra, a situación é de caos e improvisación absoluta porque, tal e como advertira a CIG-Ensino, cos cambios que se ían producir era inviábel comezar o curso o día 8. Estes días houbo alumnado que aínda non recibira o seu horario, mentres que o dos docentes aínda están por rematar, non se puido expoñer o contido das programacións didácticas na presentación porque o aplicativo para elaboralas, que mudou a Proens este curso, está dando erros de todo tipo, a adaptación do currículo á realidade está sendo máis difícil ca nunca sobre todo pola planificación das horas de formación na empresa só nos módulos de segundo, houbo ciclos de dual intensiva que finalmente non se ofertaron por baixa matrícula e haberá un goteo de novo alumnado até o día 29.

 

A maiores hai moitas obras que deberían estar rematadas ou cando menos máis avanzadas e que están interrompendo o normal funcionamento dos centros e inhabilitando o uso de varios espazos, polo que o sindicato pide máxima celeridade e seguridade para a comunidade educativa para evitar calquera tipo de incidencia neste sentido.

 

Ante a visión de conxunto que lle dá o contacto continuado co persoal docente e cos centros que puido visitar esta semana, a CIG-Ensino fai un chamamento a unir todas as demandas de toda a comunidade educativa (involucrando a familias e estudantado tamén) na manifestación de mañá ás 12 horas que sairá da Alameda compostelá ata Praterías. “Tan só visibilizando todos e cada un dos conflitos que se están producindo estes días de forma atomizada nos centros e unindo as reivindicacións de todo o colectivo docente se poderá conseguir que a Consellaría rectifique”, indican, á vez que avanzan que non pararán até conseguir recuperar o horario lectivo, a baixada de ratios en todas as etapas, a redución da burocracia, unhas retribucións xustas e non discriminatorias entre colectivos e a dotación de persoal para atender a diversidade, alén de poder traballar con liberdade e sen ataduras de ningún tipo nas aulas.

Volver