A CIG-Ensino chama a unir todas as demandas de todas as etapas educativas na folga do día 25 para conseguir que a Consellaría rectifique

O sindicato maioritario no ensino público anima ao profesorado a secundar o paro laboral e a participar masivamente na manifestación convocada ás 12 da mañá con saída da praza de Cervantes en Compostela e remate diante da Consellaría.

O curso arrancou con numerosas incidencias en todas as etapa educativas. Nos primeiros días afloraron centos de protestas en centros de educación infantil e primaria, fundamentalmente pola falta de profesorado e de especialistas para atender a diversidade e pola non autorización de desdobres. En Secundaria e Bacharelato repítese a mesma sobrecarga de traballo e de ratios avultadas por docente despois de moitos anos de recorte dos cupos e de amortización de xubilacións. E en FP o caos da implantación da reforma fixo inviábel empezar as clases con normalidade, con erros na aplicación Proens, módulos novos sen currículos nin recursos didácticos, goteo de novas matrículas até o día 26 e a imposibilidade de adaptar a planificación da formación en empresa. A maiores, o comezo de curso sempre se caracteriza por burocracia infinita, o que se une a novas realidades como o incremento das medias xornadas até xuño ou agosto, precarizando aínda máis o persoal substituto.

O malestar polos recortes e a propaganda obscena da Consellaría tivo unha primeira resposta o pasado 13 de setembro cunha manifestación en Compostela á que acudiu fundamentalmente mprofesorado pero tamén familias e alumnado. A forza desta unión fixo que o propio conselleiro saíra no Telexornal, algo insólito, intentando minimizala e criticando que a manifestación fora convocada por “un sindicato”.

A CIG-Ensino é o sindicato maioritario pero a auténtica representantividade tena o profesorado. Por iso, é hora de visibilizar conxuntamente todos e cada un dos conflitos que se dan de forma atomizada nos centros e unir todas as reivindicacións dos distintos colectivos. A estratexia da administración é dividir. A da CIG xuntar. Coa forza de todos e todas pódese conseguir recuperar o horario, reducir ratios, eliminar burocracia, aumentar o persoal, sobre todo para atender a diversidade, cobrar dignamente e traballar en liberdade. Para iso é fundamental secundar a folga do día 25 e manifestarnos en Santiago esta vez diante da Consellaría. É unha cuestión de dereitos pero tamén de dignidade!

Volver