A CIG-Ensino chama á unidade de acción de todo o persoal traballador nos sectores de discapacidade, menores e primeiro ciclo de infantil
A CIG defende historicamente a dignidade do persoal traballador e un marco galego de negociación: non acepta leccións de quen renuncia a mobilizarse e pacta con patronal e administración contra os intereses da parte social. Sobra quen poña paus nas rodas
Esta constancia e coherencia na defensa dos dereitos das persoas traballadoras galegas, sen “venderse” na negociación colectiva, respectando o asemblearismo e as súas decisións desde posicións reivindicativas e combativas, levou á CIG-Ensino a ser maioritaria na representación sindical para, desde esa posición, comezar un proceso de loita polos convenios galegos nos sectores da Atención á Discapacidade, Atención á Infancia 0-3 e a Protección e Reforma de Menores.
No sector da discapacidade, onde a CIG-Ensino foi sempre maioritaria, son moitas as mobilizacións e campañas de recollida de sinaturas “Polas melloras laborais, sociais e salariais: convenio galego xa! sempre en solitario e co rexeitamento das demais organizacións sindicais, pero con apoios de máis do 60% do persoal traballador. No sector de menores comezouse esta campaña unha vez acadada a maioría sindical en 2023, sendo a participación na campaña unha esixencia da nova representación sindical; nela acadouse un apoio de case o 60% do persoal traballador e realizáronse varias mobilizacións. Chamouse para a campaña ás organizacións estatais para lograr a unidade de acción sindical, recibindo unha clara e rotunda negativa a participar e a súa aposta por un marco estatal. Neste 2025, logo de se converter en maioritaria en Infantil a CIG-Ensino, pasou outro tanto cos sindicatos estatais, coa mesma campaña feita no sector Infantil 0-3, cun apoio do persoal traballador de máis do 50% e cunha concentración na Xunta para a entrega de máis de 1.000 sinaturas dun colectivo dunhas 2.000 traballadoras.
Con este mesmo traballo e resultados nos 3 sectores de Atención ás Persoas (coincidentes na precariedade laboral e salarial nos seus convenios estatais) os delegados/as da CIG-Ensino decidiron por unanimidade en asemblea (máis de 130 en total) loitar xuntos/as para ter mais capacidade de mobilización, visualizarse máis e lograr a unidade de acción sindical que cos demais fora imposíbel.
Deste xeito, a CIG-Ensino, xustifica o seu traballo en base aos seguintes feitos:
-
A convocatoria de folga e manifestacións, meditada en asemblea de delegados/as, parte dunha análise seria da realidade destes sectores, onde os convenios estatais supoñen condicións laborais e salariais indignas e discriminatorias. Destes convenios estatais a Consellaría de Política Social válese para facer máis con menos, e incluso non os cumpre ao ter conxelados os módulos ás Asociacións este ano 2025, véndose estas obrigadas a facer fronte ás novas táboas salariais sen capacidade financeira e abocadas a aplicar no futuro cláusulas de descolgue, ERTE’s ou a desaparecer por peche de funcións ao non poder pagar os salarios. Mentres outros sindicatos non están, a CIG aposta pola creación de marcos propios galegos de negociación colectiva, que respondan á realidade dos centros de traballo, á estrutura económica do noso país e ás reivindicacións do persoal traballador galego, apuntando cara a responsábel, Fabiola García, que está ausente, e a Xunta de Galiza do presidente Rueda, que o permite cando as competencias están todas transferidas aquí.
Todos e todas sabemos que a folga é a gran ferramenta lexítima da clase traballadora, a máis contundente. O verdadeiro engano é facerlle crer ao persoal que sen mobilización se pode avanzar, cando a experiencia demostra que sen presión non hai negociación real nin avances significativos. A historia sindical demostra que só con loita se arrincan dereitos. - A CIG-Ensino convocou as mobilizacións e a folga tras moitos meses de inmobilismo, tanto por parte da administración como das patronais e ante a pasividade dos sindicatos estatais, que nin propuxeron alternativas nin amosaron vontade de confluír nunha estratexia común, como xustifican os feitos acontecidos. Esta decisión parte da responsabilidade do maioritario e da súa Rrepresentación Legal dos/as Traballadores/as.
- A unidade sindical claro que é básica e desexábel, pero como un medio cunha finalidade e non un fin sen máis. Non aceptamos empregar a unidade como escusa para paralizar a loita, só para sumar forza e avanzar en dereitos. A verdadeira responsabilidade sindical é organizar o descontento e canalizar a forza do persoal traballador, convocar folga cando sexa necesario e non quedar parados/as agardando que as cousas muden soas.
- A CIG-Ensino ten claro que Galiza precisa de marcos propios de negociación para que deixen de decidir por nós, e mal, en Madrid. Actuará sempre en beneficio de toda a clase traballadora galega, neste caso da dos sectores de Atención á Discapacidade, a Menores e á Infancia, traballando na defensa dos seus dereitos laborais e salariais, da súa dignidade e da súa capacidade para decidir sobre as súas condicións de vida e traballo. As mobilizacións propostas responden ás demandas de todos e todas, incluso de quen ten convenios propios de empresa (en discapacidade Aspronaga, Apem, Aspaneps, Adcor...; en menores: Camiña Social, Trama, Aldeas infantís Sos Galiza,...) porque as melloras acadadas nos convenios galegos tamén se reflectirán no seu.
Con estas premisas, a CIG-Ensino chama a participar a todo o persoal traballador dos tres sectores de atención ás persoas na manifestación do 25-O e a secundar a xornada de folga legal do 6-N. Nestes termos, tamén poden participar todas as organizacións sindicais e sociais que queiran, e aquelas que chamaron á unidade sindical teñen as portas abertas e serán benvidas. rutrum.