A CIG-Ensino chama a toda a comunidade educativa a participar nos peches nos centros educativos e nos martes en loita que darán comezo mañá
Polo de agora están confirmados encerros en colexios e institutos da Coruña, Cee, Ferrol, Lugo, Monforte, Viveiro, Compostela, Rianxo, Pontevedra, Vilagarcía, Lalín, Ourense, Vigo, Cangas e Ponteareas.
Esta acción reivindicativa comezará a media tarde para facilitar a participación de familias e alumnado e son totalmente flexíbeis na hora de entrada e de saída. Está previsto que sirvan para analizar as demandas conxuntas de toda a comunidade educativa e acordar novas medidas de presión á Consellaría. As organizacións convocantes das mobilizacións no ensino público propoñen tamén que se visibilicen as demandas do profesorado a través dos martes en loita, unha iniciativa na que o profesorado asistirá a clase os martes vestido de negro e explicará a alumnado e familias por que este é máis que un conflito docente. Esta medida terá o seu punto forte o día 10 de febreiro con concentracións nos distintos centros educativos que hai en Galiza.
Descentralizar o conflito nos centros de ensino. Esta é a fase que propoñen até o Entroido as organizacións convocantes das mobilizacións este curso no ensino público galego. Unha delas dará comezo o vindeiro martes, 27 de xaneiro, e estenderase até o xoves, 5 de febreiro. Consistirá en realizar peches rotatarios en centros de ensino de 14 localidades galegas, a falta de concretar algún outro, para visibilizar en cada comarca as necesidades máis acuciantes en materia de atención á diversidade, redución de ratios, recuperación do horario lectivo, impartición de afíns, falta de desdobres, resultados nefastos da reforma da FP... Os encerros darán comezo a partir de media tarde para facilitar a participación de familias e alumnado e neles prevense realizar asembleas abertas, elaborar material reivindicativo para colgar nos centros, debater sobre futuras accións a levar a cabo...
A hora de entrada e de saída é totalmente flexíbel aínda que a convocatoria aos medios de comunicación realizarase na hora prevista de comezo polo que é importante que nese momento se concentre o maior número de persoas posíbeis. En xeral, agás naqueles casos nos que se marca outro horario diferente, todos principiarán sobre as 18 horas. Este é o cronograma dos que xa están confirmados a día de hoxe:
MARTES 27 DE FEBREIRO
A Coruña: CEIP Concepción Arenal
Rúa Marqués de Amboage, 2.
Vigo: IES Politécnico
Rúa do Conde de Torrecedeira, 88
Pontevedra: IES Frei Martín Sarmiento
Avenida de Vigo, 23
Monforte: IES Francisco Daviña Rey
Rúa Doutor Casares, 63
MÉRCORES 28 DE XANEIRO
Ourense: IES Julio Prieto Nespereira
Rúa do Instituto, 1
XOVES 29 DE XANEIRO
Compostela: CEIP Monte dos Postes
Rúa das Fontiñas, 79
Ferrol: CEIP San Xoán de Filgueira (19 horas)
Rúa Campo de Chao, s/n
Vilagarcía de Arousa: IES Armando Cotarelo Valledor
Rúa Armando Cotarelo Valledor, 6
Viveiro: CEIP de Covas (17:30 horas)
Rúa Granxas, s/n, Covas
MARTES 3 DE FEBREIRO
Cee: IES Agra de Raíces
Rúa Buenaventura Castro Rial
Lalín: IES Laxeiro
Avenida Bos Aires, 71
MÉRCORES 4 DE FEBREIRO
Lugo: IES Nosa Señora dos Ollos Grandes
Avenida de Ramón Ferreiro, 2
Cangas: IES de Rodeira
Avenida de Ourense, s/n
XOVES 5 DE FEBREIRO
Rianxo: IES Félix Muriel (19 horas)
Rúa María Ana Mogas, 1
Ponteareas: IES Val do Tea
Rúa Feliciano Barrera, 15
Martes en loito, martes en loita
A outra acción reivindicativa bebe do que xa están a realizar algúns centros desde o primeiro trimestre, que é fixar un día á semana para evidenciar todas as carencias que existen en materia de deficiencias de persoal. Para iso, e xogando co lema deste conflito "profesorado en loita" e coa cor negra, CIG e STEG propoñen que sexan os martes os días nos que o profesorado acuda vestido de negro e empapele os centros con mensaxes nas que queden de manifesto as necesidades educativas do centro que lle serán transmitidas ao alumnado e ao profesorado. O martes día 10 está previsto que se chame a todo o persoal docente e non docente dos centros a concentrarse ou ben á hora do recreo, á entrada ou á tarde, para facer visíbeis as súas reivindicacións a través de fotos e vídeos.

