A CIG-Ensino chama a participar na manifestación nacional de mulleres do 8 de marzo baixo o lema “Feministas e combativas. En loita pola nosa dignidade!”

Animamos ás traballadoras do ensino a sumarse á manifestación en Compostela, que sairá ás 11:30 horas da estación intermodal, co obxectivo de evidenciar un feminismo de clase e de país que defenda os dereitos das traballadoras

A CIG conmemorará este ano o Día Internacional das Mulleres Traballadoras baixo o lema “Feministas e combativas. En loita pola nosa dignidade!”, reivindicando a perspectiva de clase e a orixe que deu lugar a esta xornada de loita internacional.

Desde CIG-Ensino faise un chamamento a todas as traballadoras dos diferentes sectores que aglutina a federación, todos eles altamente feminizados, para que se sumen a esta xornada de loita, clave para defender os dereitos conquistados e avanzar en novas melloras para o presente e o futuro.

O empeoramento das condicións laborais no ensino público afecta máis ás docentes

No ensino público galego non universitario as mulleres supoñen o 72% do persoal, o que evidencia o forte carácter feminizado do sector. Esta realidade convive cun continuo empeoramento das condicións de traballo, marcado polo aumento da carga de traballo e responsabilidades polos recortes aplicados nos últimos anos que impiden atender á diversidade do alumnado.

A isto súmanse os recortes salariais acumulados, que supuxeron unha perda de poder adquisitivo dun 20% desde 2010, como consecuencia de subas salariais insuficientes, pagas extras recortadas e a ausencia de cobro do mes do verán para o profesorado substituto, colectivo cunha feminización superior á media.

A CIG-Ensino denuncia que esta situación agrávase pola precarización que supón a asunción maioritaria dos coidados por parte das mulleres. Isto tradúcese en que o 90% das excedencias e reducións de xornada son solicitadas por mulleres, decisións que teñen un impacto directo na carreira profesional, así como as restricións de zona ou renuncias para aceptar contratos de traballo. Estas circunstancias derivan nunha fenda salarial e de cotización de cara á xubilación e ás prestacións por incapacidade, polo que tamén no ensino as mulleres seguen levando a peor parte!

Plan de igualdade e protocolo de acoso xa!

No marco dun curso marcado pola loita para a recuperación e avance dos dereitos laborais, no ensino público a federación reclama a posta en marcha urxente do plan de igualdade para o profesorado.  Logo de ano e medio de negociación a situación de parálise promovida pola administración educativa impide dispoñer desta ferramenta e dun protocolo de acoso que ofreza garantías ás docentes para denunciar situacións de acoso por parte de calquera membro da comunidade educativa.

Existen sentenzas que recoñecen que a inspección educativa, á que actualmente se derivan estas denuncias, non é o órgano competente para investigar un presunto caso de acoso. Neste sentido, o sindicato defende que só unha comisión de investigación negociada pode garantir obxectividade, imparcialidade e especialización neste tipo de procesos.

Falta de compromiso da Consellería coa igualdade tamén nos centros educativos

Desde CIG-Ensino continuarase a denunciar a neglixencia da Consellería de Educación, que lonxe de facer unha aposta decidida polo feminismo e pola igualdade no sistema educativo, está a introducir medidas que dificultan este traballo nos centros como a incorporación de elementos de censura ideolóxica nas actividades complementarias, animando ás familias a cuestionar a profesionalidade do profesorado e o labor educativo relacionado coa igualdade de trato e oportunidades ou coa eliminación da violencia machista, contidos que forman parte do propio currículo educativo.

Esta situación resulta especialmente preocupante nun momento no que xa non existen materias optativas específicas para traballar estes aspectos, polo que a súa presenza resulta fundamental.

Ademais, o sindicato critica que a Consellería non realice ningún control efectivo sobre a elaboración e aplicación do plan de igualdade de centro para o alumnado, deixando na voluntariedade do profesorado, cada vez máis sobrecargado e queimado, a coordinación de actividades arredor da igualdade. Esta tarefa realízase frecuentemente de maneira altruísta, xa que na inmensa maioría dos centros non existe recoñecemento oficial nin redución horaria para esta figura de coordinación.

Como mostra desta tendencia, a CIG-Ensino alerta de que no borrador da orde de elección de direccións o único cambio respecto a convocatorias anteriores é especialmente significativo: cando se especifica a puntuación dos apartados relativos aos obxectivos do proxecto de dirección, elimínase a referencia expresa á igualdade entre mulleres e homes, á non discriminación e á prevención da violencia de xénero, aspectos que anteriormente si aparecían recollidos de forma específica

Melloras laborais nos sectores de atención á discapacidade, centros de menores e infantil 0-3

A CIG-Ensino tamén pon o foco na situación das traballadoras dos sectores de atención á discapacidade, centros de menores e escolas infantís 0-3, que manteñen un conflito aberto para reclamar melloras nas súas condicións laborais.

As profesionais destes ámbitos esixen maior dotación de recursos humanos e materiais, así como unha redución das ratios, co fin de garantir unha maior seguridade e unha atención de máis calidade tanto para o persoal traballador como para as persoas usuarias, crianzas e persoas adultas vulnerábeis.

Do mesmo xeito, reclaman salarios acordes ás responsabilidades e ás tarefas que desempeñan, nun contexto no que estes sectores continúan a estar fortemente feminizados e infravalorados.

Porque as condicións de traballo das mulleres do ensino son piares da sociedade do presente e do futuro, asiste á manifestación do domingo!

Volver