
A CIG-Ensino chama a participar na manifestación convocada por Queremos Galego para este domingo
O galego que nos une é o lema da convocatoria
É imprescindible un novo decreto de normalización lingüística que comporte un novo modelo que incorpore o ensino en galego en todos os niveis educativos co obxectivo da plena normalización do noso idioma.
Queremos denunciar tamén a actitude do conselleiro de Educación de total complicidade e submisión ao Goberno central, que coa posta en marcha do anteproxecto da LOMCE pretende impornos unha lei reespañolizadora que uniformiza e centraliza o sistema educativo, afasta do ensino o estudo da nosa cultura, historia, xeografía, economía, etc. e establece un modelo lingüístico no cal se lle garante o descoñecemento do noso idioma ao alumando e se lle dá un tratamento secundario e de total submisión ao noso idioma. Un anteproxecto que, en definitiva, fai inviable calquera posibilidade de normalización lingüística e que o galego sexa a lingua vehicular do ensino.
Por outra banda temos que lembrar que o noso idioma está afastado a día de hoxe da maioría das materias e centros, que a súa presenza é anecdótica, nomeadamente no ensino infantil, e que existe unha carencia absoluta de material en galego en moitas materias do actual sistema educativo.