
A CIG-Ensino chama a movilizarse este sábado contra os recortes no ensino público
Como xa sucede desde hai varios cursos, o profesorado ve como se complica o inicio de curso nos centros públicos na comarca de Ferrol a través dos recortes en persoal e, por iso, desde a CIG-Ensino convocan á comunidade educativa a mobilizarse este sábado
Como sinala a secretaria comarcal da CIG-Ensino, Andrea Martíns, “aínda que a Consellaría queira amosar á sociedade galega que é das Comunidades que máis invirte no ensino público, está a quedar ao descuberto par ao profesorado e familias a súa política de recortes”. De feito, a 9 de setembro hai 509 vacantes docentes sen cubrir; multiplicáronse as medias xornadas a respecto de cursos pasados; non se dan desdobres necesarios; solicítanse prazas con dúas afíns para aforrar tres especialistas diferentes; néganse aos centros que o ano pasado contaron con MEGA ou Proa+ a continuidade no programa; múdanse prazas a tempo completo nun centro por compartidas entre varios; prodúcese a amortización de prazas en Secundaria; e o profesorado de FP ten que comezar a dar aulas sen ter un currículo oficial das novas especialidades...
Engade que, “ a nosa comarca tamén é receptora dos recortes en persoal e servizos que está levando a cabo a Consellaría”, lembrando as mobilizacións que houbo durante o curso pasado por parte do profesorado e ANPAS a respecto das habilitacións en Infantil e Primaria – caso do CEIP Cruceiro de Canido, CEIP San Xoán de Filgueira ou CEIP Nicolás do Río-; ou incluso polas propias infraestruturas dos centros e como estas poden afectar á seguridade laboral do profesorado e do alumnado – CEIP A Gándara-. Durante o verán e no propio mes de xullo moitas direccións non sabían con que cadro de persoal contaban e tampouco se poderían aceptar a alumnado que solicitara matrícula. A comezos de setembro, e cun inicio de curso no que só contamos con 5 días para preparar todo o curso escolar, os centros educativos seguen sen todo o persoal que precisan para, entre outras cuestións, atender as necesidades educativas do alumnado. Exemplo concreto disto é a situación que se vive en San Xoán de Filgueira ao pasar do curso 23-24 de dous PT ( un preferente) e un AL ao actual só cun AL e media PT, a pesar de que aumentou o alumnado con necesidades educativas. Estas necesidades tampouco son tidas en conta, por exemplo, no IES de Catabois onde perderon tres profesores con destino definitivo para ter un coas tres especialidades de forma provisional – praza de Economía con afín Tecnoloxía e Música-. “Mentres, temos que seguir aguantando que o Conselleiro diga que temos moito profesorado para o alumnado que hai debido á baixada da natalidade. Quizais esta visión do alumnado e profesorado como simples números é a que provoca que haxa recortes de persoal cunha gran afección na sociedade, como sucede no CEIP das Somozas no que todas as materias serán dadas por profesorado especialista e non por mestres de Primaria”.
Se a todo isto lle sumamos o feito de que non recuperamos o horario lectivo en ningún corpo; de que a baixada de ratios non é inmediata como sería preciso; de que a carga burocrática segue a afogarnos no noso día a día; de que queren implantar unhas directrices coas que controlar os contidos que se impartan a visión dos mesmos; de que a consecuencia dos recortes en persoal implica que o profesorado sirva para dar todo tipo de especidalidades sen ter os coñecementos necesarios; de que perdemos un poder adquisitivo de case un 18% nos últimos dez anos; de que non se está a aumentar o orzamento da Consellaría para crear máis prazas públicas; ou que o idioma nativo do noso terrotorio non é defendido pola administración; hai moitos motivos para mobilizarse.
Por iso, por seguir a defender a calidade educativa do ensino público galego e a dignidade do noso traballo; para evitar que o alumnado perciba os recortes aos que nos vemos sometidas, chamamos ao profesorado a asistir á mobilización do sábado 13 en Compostela e a secundar a folga do xoves 25 de setembro. Ademais, organizan o mércores 17 ás 18:30h xornadas informativas sobre a folga no local sindical das Pontes e de Ferrol.