A CIG-Ensino chama a mobilizarse en contra da guerra declarada polo PP ao ensino público

O Real Decreto vulnera en opinión do sindicato o dereito á educación e supón un golpe de estado ás competencias do Goberno galego

A publicación do Real Decreto-lei de medidas urxentes de racionalización do gasto público no ámbito educativo este sábado 21 de abril confirma para CIG-Ensino que estamos ante unha medida do Goberno central que supón de facto a desaparición das competencias educativas da Xunta de Galiza. En palabras de Anxo Louzao, o seu Secretario Nacional “é un verdadeiro golpe de estado que fai inservible a Consellería de Educación”. Na reunión á que foron convocados os sindicatos co Ministro de Educación mañá martes 24 en Madrid, a CIG-Ensino esixiralle a súa retirada e que cese nos recortes do ensino público e na invasión permanente de competencias.

Unha das medidas que establece finalmente o Real Decreto é que non se van cubrir os dez primeiros días de ningunha baixa independentemente da súa duración, unha decisión que vulnera o dereito á educación do alumnado galego que non vai poder recibir aulas con normalidade e de profesorado especialista. A isto súmase o incremento das rateos de alumnado por aula, que en Bacharelato poderán escolarizar ate 42 alumnos, 36 na ESO e 30 en Infantil e Primaria.

 

Ademais, a decisión de ampliar a 20 horas como mínimo o horario do profesorado en Secundaria volve cargar sobre os traballadores e traballadoras -aos que se lle empeoraran as súas condicións laborais- as causas da crise e tamén suporá un prexuízo importante á calidade, porque se detraen do horario dos/as docentes horas dedicadas a outras funcións imprescindibles nos centros e fai que teñan que impartir materias das que non son especialistas.

 

“A actitude destrutiva tamén se traslada á Universidade dunha maneira clasista, cun incremento das taxas universitarias que, ao igual que a decisión de limitar a oferta de Bacharelato a unha única modalidade, impedirán o acceso a estes estudos das clases populares”, engade Anxo Louzao que lembra que este Real Decreto inclúen tamén medidas que deterioran as condicións laborais do profesorado universitario.

 

Ante esta situación, a CIG-Ensino, sindicato maioritario no ensino universitario e non universitario, esixe do Goberno Galego que non aplique as medidas aprobadas e que recorra o Real Decreto perante o Constitucional. A CIG-Ensino xa convocou ás organizacións sindicais este martes 24, para valorar as accións a levar a cabo ante a Consellaría de Educación, que ten a última palabra na execución destas medidas, e así tamén o trasladará á comunidade educativa o mércores 25 coa intención de promover unha Plataforma en defensa do ensino público en Galiza.

Ligazón ao Real Decreto-lei 14/2012 de medidas urxentes de racionalización do gasto público no ámbito educativo

Volver