A CIG-Ensino chama a concentrarse hoxe luns para amosar o rexeitamento contra os incendios e os seus responsábeis
A Consellaría de Educación tardou en reaccionar á situación dantesca que se está a vivir en Galiza e ata as doce da madrugada non informou sobre a suspensión das clases prevista para hoxe luns en 10 centros dos concellos de Baiona, Vigo, Pazos de Borbén, As Neves e Gondomar. A Universidade de Vigo vén de anunciar tamén que non haberá actividade no día de hoxe no seu campus.
Ás 20 horas están convocadas concentracións de forma simultánea en varias vilas e cidades galegas para amosar a repulsa do pobo galego contra o atentado que supoñen os lumes contra o noso patrimonio natural e socioeconómico e para lembrar que, ademais da acción criminal dos incendiarios, o desleixo ante o abandono do rural e as políticas forestais dos últimos anos contribúen a empeorar esta situación. Tamén desde as organizacións estudantís convocan paros as 12 horas en todas as facultades e IES do País.
Arde Galiza de forma tráxica unha vez máis e a Consellaría de Educación vén de anunciar que mañá se suspenden as clases en 10 centros dos concellos máis afectados polo lume na provincia de Pontevedra. Trátase do IES Primeiro de Marzo, o CPI de Cova Terreña, o CEIP Fontes Baíña e CEP de Belesar, no Concello de Baiona; o CEIP de Sobreira-Valadares e o IES Valadares en Vigo; o CPI Curros Enríquez, en Pazos de Borbén; o CEIP Marquesa do Pazo da Mercé e o IES Pazo da Mercé, nas Neves e, por último, o CEIP Serra-Vincios en Gondomar. A Universidade de Vigo vén de anunciar tamén que non haberá actividade no día de hoxe no seu campus.
Desde a CIG-Ensino instamos á Xunta de Galiza a tomar todas as medidas de precaución que impidan que se produza ningún dano persoal nin material nos centros educativos galegos e a manter informada á comunidade educativa sobre calquera acción neste sentido. Nas últimas horas era moita a incertidume que había con respecto ao funcionamento dos centros de ensino entre as familias e a información non estivo dispoñible na páxina web ata as doce da madrugada.
Polo demais, a CIG-Ensino adhírese ás concentracións convocadas para hoxe ás 20 horas por distintas organizacións en defensa do monte galego e que se celebrarán de forma simultánea en varias vilas e cidades do país. É preciso combater o terrorismo incendiario que ano tras ano atenta contra o noso patrimonio natural e paisaxístico e que causa enormes perdas económicas e medioambientais cando non danos humanos, como parece que lamentablemente se confirma nesta ocasión. Ademais cómpre unha política forestal e de apoio ao medio rural diferente por parte da Xunta de Galiza que nos últimos anos permitiu o seu abandono e a forestación masiva con eucalipto que supón un grave risco para a propagación dos lumes e un monocultivo dirixido a favorecer o negocio duns poucos a cambio do empobrecemento colectivo do noso país.