
A CIG-Ensino celebra o seu 9º congreso baixo o lema “A forza do compromiso”
Nesta cita producirase ademais o relevo na secretaría nacional, con Laura Arroxo á fronte da única candidatura presentada
O sábado 7 de xuño a CIG-Ensino celebrará o seu 9º Congreso que terá lugar na Escola Galega de Administración Pública (EGAP) na cidade de Santiago de Compostela. Están convocadas 200 congresistas en representación das sete comarcas nas que se organiza o sindicato.
O día do congreso virá precedido por unha xornada con diferentes organizacións internacionais. Mañá, venres 6, terá lugar unha reunión de traballo da Confederação Sindical da Educação dos Países de Língua Portuguesa CPLP-SE, organización da que a CIG-Ensino forma parte, e que servirá para trasladar aos sindicatos presentes a situación de emerxencia lingüística que vive o noso país e a falta de iniciativa para impulsar o coñecemento do portugués no sistema educativo galego.
Na mesma xornada terá lugar un seminario de debate e posta en común con diferentes sindicatos do ámbito do soberanismo sindical de Catalunya, Euskal Herria e País Valencià co obxectivo de partillar as diferentes realidades lingüística nos nosos respectivos países desde a perspectiva educativa, así como a resposta sindical necesaria.
Un congreso para repasar o traballo feito e impulsar a organización e a acción sindical

As 200 persoas con dereito a voto no 9º Congreso da CIG-Ensino debaterán ao longo do sábado 7 sobre o traballo feito durante os últimos catro anos, un período no que o sindicato rompeu no ensino público non universitario todos os seus teitos electorais, superando os anteriores logros tanto en representación como en votos e confirmando a súa referencialidade no sector. Un tempo no que o primeiro sindicato do país tamén revalidou o seu lugar como primeira forza sindical entre o profesorado universitario, ao tempo que acadaba esa mesma posición en sectores do ensino privado como a atención a persoas con diversidade funcional, as escolas infantís de 0-3 anos ou os centros de menores.
Xunto con ese importante apoio social o sindicato consolidou neste período un forte incremento afiliativo, perto do 20% en catro anos, na liña do conseguido por toda a central sindical, consolidando a plena independencia económica que caracteriza desde sempre o sindicato nacionalista e que evita calquera tipo de ataduras ou de inxerencias políticas ou económicas.
Fortaleza económica, acción mobilizadora, respaldo social e forte cohesión interna caracterizan o sindicato maioritario no ensino público, apostando por unha liña de continuidade co traballo feito para os próximos catro anos, fixados a nivel organizativo e de acción sindical nos documentos que se someten a debate no Congreso.
Esa cohesión tamén permite falar dunha única candidatura á secretaría nacional que encabeza Laura Arroxo, actual secretaria de Acción institucional e Área pública. Substitúe no cargo ao até o de agora secretario nacional, Suso Bermello, que o deixa despois de dous mandatos e unha longa traxectoria vinculada ao sindicato para se xubilar a comezos do próximo curso.

Arroxo (Castroverde, 1979) é profesora de matemáticas no IES Gregorio Fernández de Sarria e forma parte da executiva da CIG-Ensino desde hai 8 anos e representa, xunto cunha maioría de mulleres na actual executiva, unha clara aposta por reforzar o papel destas nos órganos de dirección do sindicato, sendo ademais a primeira muller en ocupar a secretaría nacional do sindicato maioritario entre o persoal docente.