
A CIG-Ensino califica de inaceptable e unha tomadura de pelo o borrador da nova proposta da Consellaría sobre a xubilación parcial anticipada con contrato relevo no ensino concertado
O sindicato só ve posible unha rectificación da Consellaría con medidas de presión contundentes, comprometéndose a apoialas sempre que se rexeite polos demais sindicatos o acordo anterior imposto en 2024
Tamén indica que o fin das mobilizacións ten que ser acadar mínimo as condicións legais do INSS e o E.T. Como isto non foi aceptado polas demais OO.SS, xunto a outras reivindicacións, a CIG-Ensino non participará na concentración do 26 de xuño e xustifica as súas razóns.
Logo de case un ano de vixencia do miserento anterior “acordo de xubilación parcial”, a Consellaría de Educación, aproveitando unha nova reforma involutiva das xubilacións acordada polo goberno estatal e os sindicatos maioritarios estatais, pretende xustificar un novo recorte de dereitos con esta nova proposta de borrador rmandada a todos os sindicatos e patronais a finais de maio.
Coa mesma solicitaron emendas ao texto, a presentar ate o mércores 4 de xuño, para logo convocar a Tripartita e impor este novo texto ou como moito acercarse ao anterior e que foi asinado por todas as patronais e os catro sindicatos estatais, deixando a moito persoal fóra do dereito a xubilarse anticipadamente e nunhas condicións moi por debaixo das que regula a norma da Seguridade Social (SS). Norma que involucionou coas últimas reformas das pensións e xubilacións, aprobadas por distintos gobernos estatais coa complicidade de CCOO e UGT, e fortemente rexeitadas pola CIG, que segue a pelexar e reivindicar a xubilación anticipada aos 61anos e co máximo de redución do 85%.
A CIG-Ensino só ve posible unha rectificación da Consellaría con medidas de presión contundentes e unitarias, comprometéndose o sindicato a apoialas sempre que se rexeite polas demais OO.SS o acordo anterior imposto pola Consellaría e que o fin común sexa acadar como mínimo as condicións legais recollidas na norma que regula este tipo de xubilación no INSS e no Estatuto dos traballadores e traballadoras.
Emendas da CIG-Ensino ao texto do borrador proposto sobre a Xubilación Parcial Anticipada para docentes de pago delegado na Concertada
Que este tipo de xubilación parcial sexa estendido a tódolos ensinantes en pago delegado, cos únicos requirimentos da idade e os anos de cotización e non que teña que ter a xornada completa, tantas veces infrecuente no sector, sobre todo en especialistas e en centros pequenos, así como os das cooperativas; porque estariamos condenando dobremente á esa persoa traballadora. Marcar un límite de xornada parcial, que pode ser do 75%.
Que poida computar para xornada completa o traballado no ensino concertado que non estea en pago delegado (facéndose cargo as patronais como obriga que deberían asumir, ao igual que estas se deberían comprometer o resto do seu persoal que non ten pago delegado: docentes sen pago delegado, Pas,..).
Que os 6 anos de antigüidade non teñan que ser na “mesma empresa”, pois excluiría recolocacións de persoal, posibles subrogacións noutras empresas e mesmo cambios de nomes nas empresas ( casos que pasan a Fundacións).
Que a redución da xornada da persoa a prexubilar poida ser acumulada e rematar antes a súa vida laboral, ademais de ser pedagóxicamente o máis correcto. Que decida a persoa traballadora o seu tempo de ligazón ó Centro.
Que a redución da xornada da persoa a prexubilar sexa o tempo máximo e a máxima permitida pola Lei na actualidade: o 1º dos 3 anos ao 33% e os outros dous ao 75%. Xa se ten recoñecido por esta administración en acordos anteriores ate o 85% e dende os 61 anos, modelo defendido e reivindicado pola CIG, rexeitando as últimas reformas involutivas nas xubilacións anticipadas ( así como as ordinarias e as pensións) acordadas polos gobernos estatais e OO,SS estatais maioritarias.
Que as patronais teñan a obriga de acudir á lista de recolocación para contratar ao remudista.
Que non se limite o ámbito temporal ao 31/08/2029, nin a outra data, simplemente sexa un dereito e que só un cambio normativo na Lei da SS, leve á súa posible modificación por obriga.
Que a data de inicio da xubilación parcial se corresponda coa resolución favorable da solicitude persoal (establecendo un prazo máximo dun mes;por exemplo para a súa resolución,para non demorarseno tempo) e non de prazos como está no novo borrador.
Que unha vez recoñecido o dereito, este remate coa xubilación ordinaria da persoa traballadora (como estaba anteriormente) e non cando remate o acordo.
Que se recoñeza o dereito, se cumpre os requisitos, aínda que este xurda o día de remate do acordo.
A CIG-Ensino non vai participar no lavado de cara do 26 de xuño xa que:
Primeiro, porque é unha proposta que nos presentan este luns 16 de xuño, sen marxe de negociación, e retomando algunhas reivindicacións conxuntas de 2018 (cunha recollida de máis de 5.000 sinaturas, concentracións, peches,...) que eles enterraron coa sinatura de 90€ de ”homologación coa pública” a cobrar en 3 anos.
Logo nesas reivindicacións non queren falar da renegociación do AME (acordo mantemento de emprego) que se pechou en falso en 2023 asinando o “Acordo de recolocación” que só supuña indemnizar ao persoal pola Xunta en caso de despido por perda de unidades. Acordo asinado só por FSIE, USO e SNEP, provocando ruptura sindical naquel momento con CCOO, UGT e CIG que non o asinan, sendomoi críticos. Agora seica serve!!, pois a CIG non.
Tampouco aceptaron rexeitar o Acordo de 2024 da xubilación anticipada parcial con contrato relevo e forzar a negociación dun novo cos mínimos do INSS. Critican a nova proposta á baixa do borrador da Consellaría, resaltando o asinado, que CIG e SNEP non subscribiron por mísero e excluínte de moito persoal.
Por último, rexeitaron o reivindicar un "convenio galego no sector", cando a baixada de xornada, a PEA,... regúlanse neste marco normativo do convenio estatal, que non nos dá respostas, bloquea e limita nestes dereitos na Galiza e que só eles asinaron. Agora coa modificación do E.T., hai prevalencia dos convenios autonómicos sobre os estatais, polo que este é o camiño, tendo só que sentar ás patronais a negocialo. Mandan estas OO:SS ou deciden dende Madrid?