A CIG-ENSINO apoia o uso do libro de texto posto en cuestión polo Valedor do Pobo e esixe ao conselleiro de educación que cese na súa cruzada contra o galego
A CIG-Ensino apoia o mantemento do libro de texto posto en cuestión polo Valedor do Pobo e rexeita as declaracións do Conselleiro de Educación
As declaracións que vén de facer públicas o Conselleiro de Educación, avalando a recomendación do Valedor do pobo contra o libro de texto de Coñecemento do Medio de 5º de Primaria, da Editorial Vicens-Vives, por recoller que a lingua propia de Galiza é o galego, vén a evidenciar, en palabras do Secretario Nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao, que “ o Conselleiro de Educación continúa instalado na obsesión permanente de exterminar o idioma como lingua vehicular no ensino. É inaceptábel, ademais de provocador, que o señor Conselleiro de Educación deteste e promova a eliminación dun texto escolar no cal o único que se fai é reproducir o artigo 5.1. do Estatuto de Autonomía de Galicia”
Facemos un chamamento ao profesorado e aos centros que usan este libro de texto a que o sigan empregando tal e como está pois é o seu dereito e están avalados pola lexislación vixente.
A CIG-Ensino agarda do Presidente da Xunta de Galicia que actúe como tal e que cese inmediatamente a un conselleiro que ten como pauta de actuación permanente a persecución de todo o que nos define como pobo, nomeadamente a nosa lingua. Non pode continuar no seu cargo unha persoa que o usa para aliarse, esta vez co Valedor do Pobo, en contra do galego.
A CIG-Ensino vai dirixirse por escrito ao Conselleiro instádoo ao mantemento do libro de texto tal e como está pois non fai máis que reproducir a lexislación vixente.
A CIG-ENSINO participará na concentración convocada por Queremos Galego este xoves día 15, ás 11:30, ante o Parlamento de Galiza para esixir a dimisión do Valedor do Pobo.