A CIG-Ensino apoia o profesorado e a ANPA do IES de Brión na súa demanda de máis persoal docente

Este centro é un símbolo dos recortes realizados na etapa Feijóo dado que malia ter 180 alumnos e alumnas máis que hai 10 anos conta co mesmo cadro de persoal

Esta mañá celebrouse unha concentración convocada polo profesorado e a CIG-Ensino en apoio ás demandas da Asociación de Nais e Pais deste centro que hoxe compren 11 días de peche sen que o conselleiro movera ficha aínda para a súa solución.

O conflito aberto no IES de Brión, que demandaba tres prazas máis de persoal interino para poder ofertar un Programa de Mellora da Aprendizaxe e o Rendemento (PMAR) e as mesmas optativas que se viñan impartindo os últimos anos, segue aberto. O conselleiro, nunha reunión informal cos representantes de pais e nais mantén a súa postura de defender o criterio da inspección educativa e só se comprometeu a xestionar outra reunión co inspector xefe territorial. Román Rodríguez está facendo oídos xordos ao clamor da comunidade educativa despois de 11 días de peche e de que o profesorado se concentrara esta mañá ás 12 do mediodía diante do centro para reclamar as vacantes existentes. Estas accións, convocadas pola CIG-Ensino manteranse todos os días desta semana ás 12 horas e o venres está convocada unha manifestación pola ANPA ás 11:30 desde a Estación de Autobuses até a Consellaría de Educación. 

Desde o sindicato alertamos de que este centro é só un exemplo máis da política de recortes do goberno Feijóo e de que as demandas do claustro están perfectamente xustificadas, dado que teñen o mesmo número de docentes totais, 36, que hai 10 anos cando a cifra de alumnado se incrementou en 180 neste período.

Volver